Ouro por equipos e prata individual para Solange Pereira. Ese foi o botín co que as atletas da Universidade de Vigo volveron da súa participación no Campionato de España de Campo a Través celebrado a pasada fin de semana en Asturias. Solange Pereira, Sandra Mosquera, Andrea García e Iria Fernández, en categoría feminina, xunto con Jorge Rodríguez, en masculina, foron os representantes da institución viguesa nunha proba na que as universidades levaron aos seus mellores representantes. “Ata que chegamos alí non soubemos con quen íamos competir”, asegura Sandra Mosquera, que recoñece que “xa dende fai meses quedaramos en ir, porque sabiamos que este ano tiñamos un bo grupo”. O certo é que “as rivais eran difíciles, sobre todo as que quedaron segunda e terceira na clasificación por equipos, porque tamén tiñan xente boa”, recorda Iria Fernández, que nesta ocasión exerceu de capitá.
01/04/2011