O iraniano Talebikahangi era un dos rivais máis duros a priori para Fernando Rascado e confirmou esta fortaleza apeando ao deportista da Universidade de Vigo na semifinal e facéndose finalmente co ouro. Pero Rascado acadou un dos seus obxectivos, unha medalla na casa ante o seu público, ao que puido ofrecer un bronce no Mundial Universitario de Taekwondo.
O seu metal, xunto co da galega da UNED, Fani Hernández, contribuíron a que o combinado español rematara segundo na clasificación xeral por equipos, con 11 medallas (catro ouros, tres pratas e catro bronces), por detrás dunha intratable Corea, con 18. Non tivo tanta sorte Rebeca Mariño, que caeu na primeira ronda ante a turca Kübra Yangin, actual campioa de Europa.
05/07/2010