A Universidade de Vigo é desde hoxe a primeira de España en dispor de criterios de seu para avaliar a transferencia de coñecemento. Estes criterios aplicables aos méritos correspondentes aos anos 2009 e 2010, permitirán unha avaliación da transferencia independente da produción científica, o que os converte nos primeiros do seu xénero no panorama universitario español. “Ata o de agora unicamente se valoraban moi poucos indicadores, en realidade so as patentes”, explica o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, “esquecendo outros tan importantes como a facturación externa que pon de manifesto a transferencia que fai á sociedade”. Os criterios que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, cualificou como “un primeiro paso no recoñecemento do traballo do Persoal Docente e Investigador (PDI)”, foron aprobados por asentimento na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada este luns.
14/11/2011