Novedades, Anduriña, Marino e Besada son os nomes protagonistas do particular relato cinematográfico do concello do Grove, no que a historia da vila se narra en torno ao que sucede nas súas salas de cinema. Dous alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Dunia Álvarez e Rubén Domínguez, estudantes de Comunicación Audiovisual, veñen de realizar un estudo para recuperar ese pasado, unha morea de anécdotas articuladas como unha parte importante da historia local. Naceu como un traballo para a materia do profesor Miguel Anxo Fernández, un dos críticos de cinema máis recoñecidos de Galicia, impulsor e estudoso do cineclubismo, que froito desta paixón, nas súas aulas alenta ao alumnado a inmiscirse no universo das vellas salas de cinema. Axiña Dunia e Rubén se decataron da riqueza e consistencia do material recadado e por iso, o que comezou como un traballo de clase, transformouse nun proxecto documental máis amplo, que esperan estrear no outono.
06/07/2010