Hai tres anos era case un soño e agora é unha realidade. Hoxe presentouse en sociedade XaTcobeo, o primeiro CubeSat 1U dunha universidade europea que se constrúe con estándares da Axencia Espacial Europea. Traballo estrela dunha das liñas de investigación estratéxicas para a Universidade, o denominado “Vigo Tecnolóxico”, o reitor vigués, Salustino Mato, fixo fincapé en que “con XaTcobeo abrimos unha liña de investigación de futuro na investigación e na transferencia desta Universidade” .
“É un proxecto fabricable, viable, verificable e xa está completo”, así de satisfeito se amosaba na presentación o investigador principal do proxecto, o profesor Fernando Aguado, que destacou que este tipo de plataformas demostran “que se pode facer ciencia a un custo moito máis reducido”. Coordinador xeral do proxecto, o profesor vigués fixo tamén referencia a que a organización deste traballo foi estremadamente complexa.
11/10/2011