A consecución dun alto rendemento no deporte profesional salvagardando a saúde e previndo as lesións semella ser a pedra filosofal de todas as disciplinas deportivas. Nesa idea, a de adestrar da maneira máis correcta para acadar os mellores resultados, traballa o grupo HI-22 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xunto ao equipo ciclista profesional Xacobeo Galicia. Nas últimas dúas semanas este grupo de investigación está a realizar un estudo tensiomiográfico, que dirixe José María Cancela Carral e coordina Óscar García. A técnica, de orixe eslovena e moi novidosa, permite “avaliar o equilibrio dos grupos musculares e prescribir recomendacións individualizadas”, segundo indicou García. Mediante este proxecto, a Universidade crea unha base de datos moi especial e a un triplo nivel. Por unha banda, é a “única dispoñible en Galicia e das poucas a nivel español” tendo en conta o censo de equipos ciclistas en España. Pero ademais, "a base de datos é única no mundo" porque superará en densidade de datos á da Universidade de Liubliana, que só ten un corredor rexistrado.
10/12/2008