62 novos alumnos de Enfermaría recibiron esta tarde os diplomas que os acreditan para a súa inserción no mundo laboral. Trátase da décimo sexta promoción da Escola Universitaria de Enfermaría de Povisa. Todos eles saen do centro co obxectivo de “facer fronte aos retos que vos esperan”, subliñaba Fuencisla San Juan, directora delegada da Universidade de Vigo na Escola, quen recoñeceu aos alumnos todos os seus méritos nestes últimos tres anos e animounos a “manter sempre a ilusión e seguir o espírito de formación”. Na mesma liña expresábase o director do centro, Fernando Rey Ferro, que os alentaba a “non deixar nunca de preparase, pois o éxito será para o máis forte”.
O auditorio do Centro Social Caixanova rexistraba esta tarde un cheo absoluto de familiares e amigos que non quixeron perder este acto de graduación emotivo e, á vez, divertido, que o propio Rey Ferro cualificaba de “académico, lúdico e de xúbilo”.
23/06/2009