O proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior implica unha fonda renovación no mapa de titulacións da Universidade de Vigo que no curso 2009/2010 ofrecerá un total de 25 graos e 65 títulos de mestrado. Xa no seguinte ano académico procederase á implantación dos novos graos froito da transformación das enxeñarías e enxeñarías técnicas cos que se completará a oferta docente de grao da Universidade de Vigo. En total serán arredor de 3100 prazas de novo ingreso, “o que non supón ningunha modificación con respecto ao ano anterior”, segundo salientou o reitor, que destacou que este é o primeiro ano que todo o proceso de preinscrición e matrícula “se pode facer integramente a través de internet”.
Na presentación da nova oferta docente o reitor, Alberto Gago, abordou temas como a transformación de Física nun grao en Ciencias Ambientais, a adaptación das enxeñarías, o panorama de titulacións no ámbito empresarial ou o futuro das enfermarías de Ourense e Pontevedra.
01/07/2009