No fondo do mar, a uns cen metros de distancia do porto grovense de Meloxo, funciona desde hoxe un xerador que utiliza as correntes submarinas para producir enerxía eléctrica. Este prototipo a escala, froito do traballo conxunto da empresa Resolve Enerxía e do Grupo CIMA da Universidade de Vigo, ten unha peculiaridade que o diferenza doutros xeradores, habituais por exemplo nos países nórdicos, que é a súa bidireccionalidade, de xeito que pode traballar tanto coa corrente producida pola subida da marea, como coa de baixada, sen influír isto no seu rendemento. O prototipo que hoxe foi botado, comezou a desenvolverse no ano 2009 e en función dos resultados que arroxen as probas que se van realizar, deseñaríase un equipo a escala real que acadaría unha potencia de 110Kw.
14/09/2012