Unir forzas e traballar da man como ambas institucións veñen facendo dende hai anos. Esta é a aposta do reitor da Universidade, Salustiano Mato e do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, tras a primeira reunión entre ambos que tivo lugar este martes. Os dous salientaron a estreita relación que une ás dúas entidades e que deu importantes froitos non só para a Universidade, senón tamén para o conxunto da sociedade ourensana e avogaron por “seguir desenvolvendo unha colaboración incondicional e intelixente”. Baltar amosouse convencido de poder seguir na senda dun proxecto común entre o campus de Ourense e a Deputación. Neste sentido, Mato salientou que o ente provincial “sempre foi un aliado estratéxico e gran compañeiro de viaxe da Universidade neste campus e nos seus proxectos”, destacando entre eles a construción da biblioteca e da piscina.
20/07/2010