É Nadal e é tempo de ilusión, sobre todo entre os máis pequenos da casa. Para axudar a alimentar esa ilusión a través da cultura, do 25 ao 30 de decembro Ourense acollerá un ano máis a celebración da súa xa tradicional Mostra de Teatro Infantil de Ourense MOTI. Nesta novena edición serán 15 os espectáculos que representarán outra tantas compañías, procedentes de diferentes puntos da xeografía estatal, no campus universitario, no Auditorio Municipal, no Teatro Principal e nas rúas da cidade. Haberá teatro para bebés, teatro de rúa, títeres, maxia, danza, pompas de xabón e moito máis para conseguir sacar un sorriso aos cativos e cativas e tamén aos seus pais e nais. A MOTI levanta o pano a pesar da crise e faino máis diversa que nunca co desexo de sorprender, de encantar e de divertir a un público especialmente esixente.
19/12/2012