Entre 4000 e 5000 familias en Galicia están afectadas por enfermidades neuromusculares, un tipo de doenzas raras que aínda que presentan ata 150 diagnósticos diferentes teñen en común a perda progresiva de forza muscular, producindo nalgúns casos a invalidez total e incluso a morte.
Coa finalidade de difundir información a afectados, familiares, profesionais e sociedade en xeral, a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia) suma, tras catorce anos de existencia, máis de 30 publicacións, 100 traducións , así como cómics, vídeos, unha páxina web e un buscador sobre enfermidades neuromusculares. Un inxente traballo que a asociación ven de recompilar nun especial titulado El camino andado, e para o que contou ao longo destes anos coa colaboración de profesionais da Universidade de Vigo, do Hospital do Meixoeiro e dun importante número de voluntarios.
14/12/2009