Dos cinco artigos máis citados feitos en Galicia, tres deles son da autoría do catedrático David Posada, primeiro galego en acadar a Starting Grant da Unión Europea. Isto é unha mostra da excelencia investigadora que acada a Universidade de Vigo, liderando con claridade absoluta o ránking de artigos científicos máis citados feitos en Galicia segundo a base de datos Scopus. Entre os dez primeiros artigos, seis son de investigadores da institución viguesa, tres da Universidade de Santiago de Compostela e un do CSIC. A Universidade de Vigo ten nesta base de datos máis de 10.455 artigos, pertencentes a 3434 investigadores, o que a sitúa no posto 17 das institucións nacionais. Con 105 documentos nesta base da datos, David Posada é o científico máis citado e subliña que estes datos son obxectivos, “un resumo da calidade investigadora que hai no seo da Universidade”.
06/07/2012