Un terzo dos adolescentes ingleses confunden a Marie Curie con Mariah Carey. Este dato é un bo indicador do descoñecemento que a sociedade ten da química, unha disciplina maltratada e cunha imaxe incluso negativa, en moitos casos. Para loitar contra esta tendencia, o 2011 foi declarado Ano Internacional da Química, abrindo as portas desta disciplina á sociedade e amosando as súas contribucións en moitos aspectos da vida como a alimentación e a saúde, porque “a química rodéanos, é a vida e o futuro”, en palabras da vicerreitora de Investigación, Asunción Longo. Este xoves baixouse o pano do programa de actividades que a facultade viguesa organizou con motivo deste Ano Internacional e fíxoo abordando un dos eidos nos que os químicos teñen máis presenza e menos recoñecemento, o da medicina. O encargado de reflexionar sobre o tema foi o catedrático Ángel Rodríguez de Lera.
17/11/2011