Ata o de agora, Mari, unha cidade circular datada contra o 2900 a.C. era a única do Éufrates sirio da que se tiña coñecemento. Sen embargo, o Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (PAMES), unha colaboración entre a Universidade da Coruña e o Ministerio de Cultura sirio na que tamén ten participado a Universidade de Vigo, representada por un grupo de investigadores da EUET Forestal, vén de identificar unha nova cidade de planta circular do III milenio a.C., situada a uns 150 quilómetros máis ao norte de Mari. Os resultados deste traballo foron presentados esta mañá na Coruña polo director da expedición, Juan Luis Montero Fenollós, que explicou que estes achados, froito da campaña realizada o pasado mes de xullo nas beiras do río Éufrates, son moi importantes para o coñecemento das primeiras civilizacións urbanas.
10/11/2009