A creación dun centro singular de investigación que aproveite as capacidades da Escola Superior de Enxeñaría Informática, foi unha das actuacións avanzadas este martes polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras o primeiro encontro institucional co alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez. O reitor que asegurou que nese centro “o software libre sería un área transversal que formaría parte del”, sinalou que serían os especialistas os que determinarían a denominación definitiva do centro ao que se referiu como Informatic Center. Na reunión celebrada este martes no Concello de Ourense, o alcalde e o reitor coincidiron na necesidade de que ambas institucións continúen a traballar xuntas para “afondar na integración da Universidade na cidade urbanística e socialmente”, dixo Rodríguez, nun momento, segundo sinalou o reitor “especialmente axeitado para a cooperación e a alianza”.
27/07/2010