A Universidade volverá contar cunha sede institucional no centro de Vigo tras cinco anos sen dispor dun espazo físico na cidade olívica. O alcalde, Abel Caballero e o reitor, Salustiano Mato, confirmaron a disposición de ambas institucións para acadar unha localización idónea que segundo avanzou Caballero, podería ser no Casco Vello, " un magnífico lugar, aínda que hai outras posibilidades”, asegurou o alcalde. Pola súa banda o reitor, Salustiano Mato, explicou tralo primeiro encontro mantido co rexedor municipal que “non se trata de traer a Reitoría á cidade, senón de ter unha presenza institucional”.
Ademais da localización dun espazo institucional, Caballero amosou a Mato o seu apoio ao Campus do Mar, así como á ubicación en Vigo da Axencia Estatal de Radiocomunicacións, ao tempo que manifestou a súa disposición a colaborar na mellora da sinalización e accesos ao campus.
21/07/2010