Esta apaixonante historia comeza hai 10.000 anos con pequenas folerpas de neve caendo sobre a Antártida e sobre Groenlandia. Unha a unha vanse pousando sobre a superficie para xuntas continuar a crear as grandes masas de xeo que hoxe coñecemos. Miles de anos despois, cos coñecementos e técnicas adquiridos, estas folerpas convértense en testemuños que portan valiosa información científica para avanzar, entre outras cuestións, no coñecemento do universo. Analizando mostras de xeo dos últimos 10.000 anos, un equipo internacional de científicos entre os que está Antonio Ferriz, profesor da Universidade de Vigo, vén de atopar unha correlación excelente e sorprendente entre a actividade magnética do sol e as forzas de marea que exercen os planetas. Unha coincidencia que pon sobre o tapete a posible influencia dos planetas sobre a actividade magnética solar a longa escala temporal, en contra da tendencia a considerar ao astro rei á marxe de calquera influencia exterior.
16/01/2013