Vigo terá que agardar a 2015 para acoller a Universiada despois que a Federación Internacional de Deporte Universitario elixise á cidade rusa de Kazán para organizar a olimpíada universitaria de 2013.
Eran as 20.15 horas cando o presidente de Federación Internacional de Deporte Universitario, FISU, George Killian, daba a coñecer, nunha cerimonia celebrada en Bruxelas, o nome da cidade elixida para acoller a Universiada do 2013. Tras agradecer o esforzo das tres candidaturas que concorrían á organización da olimpíada universitaria e nas que afirmou “teño moitos amigos”, Killian abriu o sobre que contiña o nome da cidade elixida. Kazán que volvía presentar a súa candidatura ante a Federación Internacional de Deporte Universitario por segunda vez, lograba desta volta a organización da Universiada do 2013, impoñéndose ás outras dúas cidades candidatas, Vigo e a coreana de Kwang Ju.
31/05/2008