O triatleta Javier Gómez Noia, a piragüista Teresa Portela, o atleta Gustavo Nieves e os taekwondistas Bruno García, Nazareth Tilve e Nerea Alamancos recibiron hoxe o recoñecemento do equipo de goberno da Universidade polos importantes méritos deportivos acadados nas súas respectivas modalidades. O reitor, Alberto Gago, e a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza, entregáronlles hoxe a insignia de prata da Universidade e un reloxo para, segundo Gago, “recoñecer, na medida das nosas posibilidades, os retos conseguidos e tamén para que vos sintades valorados” .
Con este acto a Universidade rompe unha lanza a favor daqueles estudantes capaces de compaxinar con éxito os seus estudos coa competición deportiva de alto nivel. Neste senso un dos adestradores de taekwondo, Salvador Fontán, quixo recordar a evolución do trato a estes deportistas dentro das aulas, “foise mellorando moitísimo, en 1997 cando xa conseguimos pratas no Campionato de España non existía ningún tipo de loubanza nin valoración especial, hoxe recíbenos o reitor e isto é de agradecer” declaraba.
28/10/2008