Hai dous anos, coincidindo coa celebración do festival PhotoEspaña en Madrid, Victoria Diehl tivo a oportunidade de intercambiar impresións con Joanna Milter, a editora de fotografía do New York Times, que lle amosou o seu interese polos traballos que realizara mesturando modelos e estatuas clásicas na súa etapa de estudante da licenciatura en Belas Artes. Pero, máis aló dos eloxios, “o certo é que a cousa quedou aí e non volvín saber nada”, recoñece Diehl. Ata que este mes de agosto recibiu unha inesperada chamada do ouro lado do Atlántico. “Para a portada do número anual de cultura do New York Times Magazine, deciden contar coa actriz Lena Dunham e pensan en darlle un enfoque clásico á foto. Entón, acórdanse de min”, relata esta alumna de doutoramento, que días despois viaxaba aos Estados Unidos coa encomenda de transformar a actriz “nunha icona da cultura clásica”.
01/10/2014