Do 10 ao 12 de setembro na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal

Expertos internacionais reúnense no campus para afondar na teoría de categorías

Organizado pola Universidade de Vigo en colaboración con Regaca

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 02/09/2008

Enmarcado dentro das actividades da Rede Temática Galega de Álxebra, Computación e Aplicacións (Regaca), terá lugar unha nova edición do Seminario de Categorías e Aplicacións que nesta ocasión se celebrará en Pontevedra. A Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal acollerá este evento no que expertos internacionais afondarán na teoría de categorías e as súas aplicacións prácticas. Segundo explicou o profesor do departamento de Matemática Aplicada I e membro do comité organizador, José Manuel Casas, “este será o eixo central do congreso, unha ferramenta moi importante pola súa influencia a nivel de robótica, lóxica e informática, xa que está presente en diversas áreas das matemáticas”.
O seminario, nacido no ano 2003, chega a Pontevedra na súa quinta edición, tras celebrarse en ocasións anteriores nas cidades de Logroño, Granada, Santiago de Compostela e Barcelona.


Relatorios, comunicacións e pósteres

Do 10 ao 12 de setembro recoñecidas personalidades procedentes de centros de investigación e de ensino universitario achegaranse ao campus para estudar, ademais da teoría de categorías, disciplinas como a homotopía, a álxebra homolóxica e a xeometría alxebraica que “dotarán ao congreso dunha elevada especialización”, apuntou José Manuel Casas.
Julia Bergner, da Universidade de California; Daniel Arias, da Universidade de León; Josep Elgueta, da Politécnica de Cataluña; Christian Blohmann, da Universidade de Regensburg en Alemaña; Jean-Louis Loday, da Universidade de Louis Pateur en Francia e Frank Neumann, da Universidade de Leicester en Reino Unido, son algúns dos expertos que compartirán cos asistentes diferentes estudos e investigacións en relación á teoría de categorías.
As xornadas completaranse con sesións paralelas de comunicacións curtas e outra de pósteres na que os participantes poderán expoñer os seus traballos previamente avaliados polo comité científico do congreso.

Unha teoría que abarca varias disciplinas

A denominada teoría de categorías é unha parte das matemáticas que trata de forma abstracta coas estruturas e as súas relacións. Actualmente é moi estudada, pero non soamente no eido desta disciplina, senón tamén na física ou incluso na filosofía. Este é o caso de recoñecidos profesionais como o francés Alain Badiou ou o inglés Corfiels, que se viron obrigados a pór as súas investigacións baixo as condicións da matemática contemporánea.