Segundo a profesora de Ética e Deontoloxía, Cristina Caruncho

Cada vez máis poboación cruza a liña da precariedade social

A fuga de cerebros e a profunda apatía da sociedade agravan a situación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 15/02/2011

Na vida todo é cíclico, momentos de bonanza económica sempre veñen seguidos de períodos de recesión, pero nesta ocasión hai varios factores sociais que fan que a situación sexa máis preocupante. Así o explica a profesora de Ética e Deontoloxía Cristina Caruncho, que leva varios anos afondando nos dereitos da cidadanía que queda ao marxe da sociedade. “A situación crítica da actualidade expulsou a moita xente que deixou de ser operativa o que provocou que persoas que antes vivían no circuíto da normalidade crucen a liña da precariedade e deixen de sentirse membros da sociedade”, apunta. A esta cuestión hai que engadirlle dúas ideas que complican a situación, “a profunda apatía que se sinte en xeral e a perda do capital de recursos humanos”, subliña a socióloga.

Estudosa dos grupos de persoas sen unha cabida “normal” na sociedade, que viven nunha diferenza que se traduce en desigualdade, observa que poboación que anteriormente, no marco da globalización, non se atopaba nas marxes, no momento actual están perdendo capacidade de inserción social, atopándose no límite de ser expulsadas do estado de benestar. Así, “moita xente que nun momento dado accedera a unha vida normalizada, agora polo paro, pola falta de traballo, non poden pagar as casas, as hipotecas, polo que están situándose nas marxes”, apunta Caruncho. Exemplificou este nivel de precariedade co aumento exponencial da demanda dos servizos dos comedores sociais, “nunha reportaxe onde se preguntaba a diferentes persoas se era usuario novo ou habitual, aqueles que recoñeceron que era a primeira vez eran moitos, e tratábase de persoas que falaban con bastante corrección e cun aspecto físico coidado”.

Fuga de cerebros

Considera que a historia vaise escribindo a través de ciclos que se repiten, concretando no caso dos movementos migratorios. “No pasado os nosos avós foron facer as américas, co tempo, arxentinos, na época de agonía económica, viñeron cara ao noso país e agora retornan para o seu lugar de orixe, acompañados de grupos galegos na procura dunha oportunidade”, expón. Agora ben, destaca unha gran diferenza con respecto ás décadas anteriores, pois “non nos atopamos na España dos anos 50 que se desfacía dunha man de obra non cualificada, senón que estamos deixando marchar un gran capital de recursos humanos nos que o Estado inverteu arredor de 120 mil euros para formalo; estámonos descapitalizando”. Fala do gran problema que esta fuga de cerebros lle pode ocasionar á sociedade en xeral xa que “ningún país con posibilidades de desenvolvemento pode deixar marchar as súas mellores cabezas porque eles son os que teñen capacidade de crear unha economía sustentable para poder mellorar e medrar”.

Profunda apatía da sociedade

Outro problema engadido nesta situación de crise é, a xuízo da experta, a profunda apatía que sente a sociedade ante o panorama actual, “desconfiada, sen saber ao que aterse, cun esperar sen esperanza”. Apunta que nos momentos difíciles a cidadanía funciona, segundo as teorías do filósofo John Stuart Mill, a través de grupos de opinión e líderes, que establecen unha visión diferente, pero “na nosa realidade dáse unha crise de recoñecemento da autoridade, non se cre nos políticos, nos sindicatos, desencadeando nun individualismo profundo que non achega solución”, analiza a socióloga.

O mundo universitario non vive de costas a este sentimento de desidia, destacando a súa especial preocupación por buscar unha fórmula que motive ao alumnado, “porque con que lexitimidade ética lle podo esixir a un estudante que se esforce se cando saia de aquí non vai gañar máis de 400 euros e non se lle vai recoñecer o seu esforzo?”, pregúntase. Fala do seu caso particular, no que tamén superou momentos de dificultade, pero “porque se tiña a esperanza de que, con esforzo e dedicación, conquistábase a estabilidade, pero agora imos vivir a primeira xeración onde os fillos van estar peor que os seus pais, pero non só cun menor poder adquisitivo senón con menos oportunidades de lograr unha vida autónoma e libre”, conclúe.