25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero

UVigo - Igualdad 21/11/2022

Vivimos nun momento histórico no que o sistema político patriarcal que orixina as violencias machistas continúa a reproducirse e adaptarse. Ademais, a escalada dos movementos antifeministas organizados como a manosfera están a ter un impacto negativo nos esforzos por eliminar as violencias contra as mulleres. Todo isto provoca que consecuencias tan extremas e terribles como os feminicidios sigan a ser unha realidade en todo o mundo.

Nas universidades avanzouse moito na igualdade de xénero, pero aínda hai situacións que afectan de forma desigual a mulleres e de homes. Un contexto que, como o resto de ámbitos das nosas vidas, non é alleo ás violencias machistas.
Como universidade, podemos contribuír a facer fronte a esta situación achegando evidencias científicas, formando ás futuras xeracións de profesionais con perspectiva de xénero e elaborando recursos útiles e efectivos para toda a sociedade e, como comunidade universitaria, participando tanto individual como colectivamente da cultura de igualdade que illa os comportamentos e actitudes machistas.

Tamén é importante mostrar a nosa solidariedade coas nenas e mulleres de todo o mundo que están a sufrir restricións aos seus dereitos e a ser libres e iguais. A día de hoxe, en Irán, por exemplo, adolescentes, mulleres e homes están a facer unha «revolución pola igualdade» no seu país, ao grito de «muller, vida, liberdade».

Así o relata Bita Saghaeian, alumna iraniana da UVigo: «O 13 de setembro, Mahsa (Zhina) Amini foi detida pola "Policía da Moral" por non levar o veo ben posto. Foi golpeada durante a súa custodia e morreu debido ás lesións o 16 de setembro de 2022».

A noticia, transmitida pola xornalista  Niloofar Hamedi, que segue detida no cárcere de Evin por informar deste feito, mobilizou ás mulleres de Irán, que levan loitando polos seus dereitos desde o cambio no goberno do país tras a Revolución Islámica en 1979.

A día de hoxe continúan as protestas masivas (estudantes das universidades, escolares, docentes, persoal médico, artistas, etc.), que están a ser reprimidas brutalmente polo réxime dos aiatolás: arrestos, agresións sexuais contra as persoas detidas, golpes e mesmo mortes, 58 de menores, son algúns dos sucesos que narran os medios internacionais.   

O que está a suceder en Irán non é só unha protesta polo veo, é unha revolución feminista. Fai xa tres meses que a poboación iraniana está expoñendo a súa vida nas rúas, noite e día, sen renderse, pola liberdade para elixir, pola igualdade, por acabar co machismo, polo presente e o futuro dunhas xeracións que queren un país democrático, unidas por unha consigna: «Jin, Jiyan, Azadî».

Por outra banda, un ano máis continúa a ser necesario denunciar que a violencia de xénero é unha vulneración dos dereitos humanos na que como parte da sociedade temos a responsabilidade de involucrarnos activamente.

Hoxe, e todos os días do ano, reivindicamos o feminismo como unha ferramenta de emancipación para alcanzar unha sociedade na que poidamos ser e estar #libresesegurasnasredesenasrúas.
 

 

Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU)

25 de novembro de 2022

O 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Rede de Unidades de Igualdade para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) quere chamar a atención, unha vez máis, sobre as violencias que se exercen contra as mulleres e as nenas polo simple feito de selo e, polo tanto, sobre a necesidade de implantar medidas eficaces para acabar con esta lacra global.

Existe un amplo acordo á hora de sinalar que a violencia exercida contra as mulleres é a expresión máis grave de discriminación e de violación dos dereitos humanos. Estímase que, en todo o mundo, polo menos unha de cada tres mulleres é vítima de violencia ao longo da súa vida. Por esa razón, a eliminación da citada violencia é un dos obxectivos estratéxicos das Na- cións Unidas; pero, como este organismo advirte, os modelos patriarcais que a orixinan reprodúcense, e a escalada de autoritarismos, populismos e fundamentalismos, así como dos movementos negacionistas, antifeminis- tas e de retroceso, están a ter un impacto negativo nos esforzos por elimi- nar as violencias contra as mulleres, en especial contra as que sofren discri- minacións múltiples ou interseccionais.

Preocúpannos os incesantes asasinatos de mulleres, o incremento de dife- rentes formas de violencia de xénero facilitadas polas novas tecnoloxías, o tráfico de mulleres e nenas no contexto mundial das migracións, os efectos devastadores dos conflitos armados, a negativa no acceso á educación das mozas nalgunhas zonas do planeta, a represión contra as mulleres por non cumprir coas estritas normas da tradición, os casos de violencia vicaria extrema ou o impacto do cambio climático, os desastres ambientais e as consecuencias desproporcionadas que a pandemia da covid-19 tiveron, e terán, sobre todo nas mulleres e nas nenas.

Fronte a estas situacións, o actual marco xurídico internacional dos dereitos humanos desempeña un papel fundamental na promoción e na protección dos dereitos das mulleres. Pola súa parte, a Axenda 2030 para o desenvol- vemento sostible, que non todos os países asinantes están a cumprir, enun- cia no obxectivo 5 o propósito de lograr a igualdade de xénero e o apodera- mento das mulleres e das nenas, ao ser a eliminación de todas as formas de
 
violencia nas esferas pública e privada unha das súas metas fundamentais. Neste sentido, esperamos que a Unión Europea culmine o proceso de ela- boración dunha directiva comunitaria co obxecto de combater eficazmente a violencia contra as mulleres na medida en que ten en conta a prestación dun mellor nivel de apoio e de protección ás vítimas.

Sabemos que o papel da educación, en todos os seus niveis, é unha ferra- menta fundamental para a prevención da violencia e, neste sentido, as uni- versidades españolas, como institucións de educación superior, deben ser un referente para a sociedade. As unidades de igualdade, en coherencia coas funcións que temos encomendadas, e en cumprimento da lexislación vixente, traballamos no desenvolvemento de programas que fomenten contornos igualitarios, inclusivos e seguros, libres de manifestacións de vio- lencias  machistas;  impulsamos  medidas  para  garantir  os  dereitos  das vítimas; e propomos accións dirixidas a formar, sensibilizar e concienciar o conxunto da comunidade universitaria, avogando por un cambio profundo dos modelos de masculinidade e de feminidade. Este amplo labor, que vén sendo acrecentado pola normativa máis recente, precisa dunha dotación suficiente de recursos humanos e económicos, cuestión á que deben dar resposta as nosas universidades, para que estas poidan xogar un papel relevante na loita contra a violencia de xénero de maneira «real e efectiva». Facer fronte a este desafío fará que os nosos principios e valores saian fortalecidos e que a nosa credibilidade ante o conxunto da sociedade se vexa reforzada.

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria.   

O 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Crue Universidades Españolas mostra o seu compromiso coa construción dunha sociedade igualitaria que poña fin á violencia que atenta contra os valores democráticos e os dereitos humanos, que son eixes fundamentais nas universidades españolas, tanto na docencia coma na investigación, e a transferencia do coñecemento.

A Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, no seu obxectivo 5, expón unha serie de accións encamiñadas a lograr a igualdade e a loitar contra as múltiples violencias que sofren mulleres e nenas no mundo enteiro, pero hai outros tantos obxectivos que incorporan de maneira transversal a perspectiva de xénero, algo fundamental para evitar a reprodución de modelos patriarcais que perpetúan a violencia contra as mulleres polo só feito de selo. Doutra banda, existe un marco xurídico internacional e nacional que ten un relevante papel na protección dos dereitos das mulleres, pero non hai que esquecer a especial vulnerabilidade das mulleres en conflitos armados como a actual guerra en Ucraína. No 25N tampouco podemos deixar de mencionar a violencia desatada en Irán pola morte de Mahsa Amini, a nova arrestada e presuntamente asasinada pola «policía da moral», que Crue condenou nun comunicado.

A nada disto poden ser alleas as universidades españolas, que manteñen un vínculo permanente coa sociedade e exercen un papel relevante de liderado social, como tampouco poden selo a múltiples violencias exercidas contra as mulleres: asasinatos, ciberviolencia, tráfico de seres humanos, acoso, agresións sexuais, violencia vicaria, así como diferentes agresións machistas que non sempre son visibles, pero seguen a exercer no ámbito global. Neste contexto, cabe advertir tamén do impacto dos desastres ambientais e dos conflitos sobre as persoas máis desfavorecidas e vulnerables, como son as mulleres e as nenas.

A educación é prioritaria na loita contra a desigualdade e contra a violencia de xénero. É fundamental na prevención, pero tamén na detección. Por iso, debemos reforzar a investigación, indispensable para coñecer en profundidade as causas das violencias e ofrecer solucións que contribúan á erradicación das violencias e á reparación das vítimas.

Nestes últimos anos vimos como a pandemia da covid-19 incrementou a violencia contra as mulleres e contra as nenas e nenos. Pero a violencia de xénero xa é unha pandemia en si mesma, como destaca a Organización Mundial da Saúde, e estímase que unha de cada tres mulleres no mundo sufriu algún tipo de violencia ao longo da súa vida. Os populismos e os movementos autoritarios que negan a violencia de xénero danan con forza os valores democráticos. Por iso, desde o coñecemento é preciso pór en valor a igualdade con recursos suficientes para formar e investigar desde unha perspectiva de xénero, tal e como esixe a nosa actual lexislación, construíndo ao mesmo tempo espazos seguros e libres de violencia que sexan referentes para a sociedade.

Debémosllo a Mahsa Amini, debémosllo a todas e cada unha das mulleres que este ano foron vítimas dalgún tipo de violencia e ás que arriscan a súa vida para loitar contra a opresión política ou relixiosa. Por elas, nunca máis.

IV Workshop Hackeando o patriarcado «Novos aparatos ideolóxicos: o patriarcado de vixiancia»

II Informe do Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles

IV Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade. Agresión off nas universidades. (Actividade conxunta da Secretaría Xeral de Igualdade e as tres universidades galegas)

  • Escola de Enfermaría (Campus de Pontevedra)
    Seminario contra a violencia de xénero
    Relatora: María del Carmen González Díaz
    16 e 21 de novembro de 2022 
  • Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
    «A violencia contra a muller: entre a normativa e a realidade»
    Relatora: Paz Filgueira Paz
    21 de novembro de 2022
    Nova do Duvi
  • Facultade de Belas Artes
    «Reto 25N #performandocontraasviolencias»
  • Delegación de alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
    Mesa redonda sobre violencia de xénero con diferentes perspectivas.
    24 de novembro de 2022, a partir das 15.00 h.
    A delegación fai un chamamento a vestir unha prenda ou un complemento lila a quen pase pola facultade durante o día en memoria das vítimas da violencia de xénero. 
  • Vicerreitoría do Campus de Ourense
    Convocatoria dunha concentración para facer un minuto de silencio polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero
    25 de novembro, ás 11.30 h, nas escaleiras do Edificio de Ferro (fronte ao Edificio Politécnico).

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram