Concertos, DJ’s, xogos e postos de comida amenizaron a festa en honor a San Ero

Belas Artes festexa ao seu patrón nunha xornada marcada polo mal tempo

“Tiro al teacher” foi unha das actividades máis demandadas da xornada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 15/05/2008

A pesar da choiva caída ao longo de toda a xornada na cidade de Pontevedra, os alumnos de Belas Artes celebraron por todo o alto a festa en honor ao seu patrón San Ero nun día festivo no que non faltaron a música, xogos, postos de merchandising e unha ampla variedade de comida que foron os protagonistas dunha das citas máis salientables para os estudantes do campus.
As actividades comezaron ao mediodía coa instalación dos postos de venda de camisetas e de todo tipo de accesorios feitos polos estudantes, no patio interior da facultade, baixo a enorme carpa que se colocou para evitar a choiva. Tal como explicou un dos encargados da organización do evento, César Barbolla, “sempre intentamos darlle a oportunidade aos compañeiros de amosar as súas creacións e deixamos que coloquen os seus postos ao longo de todo o escenario da festa”, comentou o alumno de terceiro curso.
Sen embargo un dos maiores atractivos da xornada foi un xogo organizado por un grupo de mozas de quinto curso no que, baixo o título Tiro al teacher, os participantes poderían lanzar pinceis cheos de pintura á cara de algúns profesores, modelados polas propias rapazas en plastilina. Mediante un mecanismo feito con dúas bicicletas unidas entre si por ferros, os bonecos movíanse constantemente e animaban aos asistentes a realizar un tiro.

Unha tradición marcada polo mal tempo

Cada ano na celebración de San Ero, os alumnos de Belas Artes organizan unha procesión desde a entrada da facultade ata a Praza de Abastos de Pontevedra para dar comezo á festa, sen embargo nesta ocasión tivo que ser anulada pola incesante choiva e só ás nove da noite un grupo de estudantes puido facer un pequeno recorrido coa imaxe por algunhas rúas da cidade. César Barbolla, explicou que “a peregrinación polas rúas da cidade é unha tradición que crearon dous irmáns, estudantes do centro, fai cinco anos e sempre se continuou con ela. Este ano non puido ser porque con este tempo complícase moito a saída, pero esperamos que o vindeiro ano o sol nos acompañe”, comentou o membro da delegación de alumnos.
En realidade a figura que transportan é unha réplica de San Ero que cada curso realizan os propios estudantes e que, segundo comentou César Barbolla, “primeiro se prepara a estrutura de metal, bastante resistente para facer a procesión, xa que en anos anteriores quedaba moi deteriorado, e logo recóbrese con roupa e accesorios que traen os compañeiros”, explicou. Ademais, hai que destacar que o santo deste ano é unha muller e que, en verbas dos seus autores, “non é por nada en concreto, sinxelamente pensamos que debía ser unha moza, xa que sempre era un home”.

Moita música para amenizar a festa

A música foi outra das grandes protagonistas da xornada con varios DJ’s que pincharon temas no patio da facultade para amenizar o evento mentres que no interior da Sala X, tocaron grupos desde as seis da tarde. Entre os máis destacados os pontevedreses Sunrise e Champurrada e desde Oporto chegou Chemical Wire, un dos pratos fortes para a noite. Ademais tamén se contou coa actuación de outro grupos, non recoñecidos pero que están formados por alumnos do centro e que “dáselles a oportunidade de amosar o seu traballo en San Ero”, destacou César Barbolla.