Coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño

O Forum Orienta homenaxea aos mellores titulados do Sistema Universitario Galego

A feira do ensino continuará aberta toda a fin de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/04/2008
Enrique Sánchez, Noelia González e Diana Ramahi son tres bos exemplos do que os estudantes de secundaria, que estes días visitan o Forum Orienta, anhelan conseguir. Os tres recibiron este venres cadanseu premio fin de carreira da comunidade autónoma de Galicia, correspondente aos cursos 2006-2007. Nos seus expedientes destacan os sobresaíntes e as matrículas de honra, os premios recoñecen agora o seu intenso labor.
O acto, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, reuniu nas instalacións do Instituto Ferial de Vigo os mellores cerebros saídos das aulas universitarias galegas. “Trátase dunha homenaxe á excelencia académica no ámbito universitario”, salientaba o presidente, que animou aos galardoados a “seguir avanzando cara a ese ensino de vangarda, de calidade e plenamente integrado nos obxectivos europeos que estamos a deseñar”.
Xunto ao presidente, os estudantes estiveron arroupados por diferentes autoridades do ámbito académico e político. Entre elas, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e representantes das universidades de Coruña e Santiago.
Ademais das moitas horas dedicadas a estudar, estes tres mozos galardoados teñen algo máis en común, os tres decidiron continuar a súa andaina na Universidade, ben continuando cos seus estudos, ou incluso dando os seus primeiros pasos como docentes. É o caso de Diana Ramahi que, tras licenciarse en Comunicación Audiovisual o curso pasado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, agora está a facer a licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, iniciando o doutoramento e, ao tempo, imparte a materia de Procesos de Contratación Audiovisual.
Enrique Sánchez e Noelia González representan o ámbito tecnolóxico. Os dous estudaron Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, Sánchez na especialidade de Sistemas de Telecomunicación e González, en Son e Imaxe. Agora ambos estudan a enxeñaría superior.
Os tres recoñecen que o éxito académico supón esforzo e renunciar a moitas cousas, pero admiten que se sobreleva moi ben “se levas as cousas ao día e non deixas que o traballo se acumule”, destaca Sánchez. “Sobre todo hai que ser constante e non hai que atarefarse”, engade González. En algo coinciden os tres, “o máis importante é elixir o que che gusta”.

Galicia, á cabeza no proceso de adaptación ao EEES

Na súa intervención, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que o goberno galego está tamén a traballar na reformulación do Plan de Financiamento Universitario, que terá en conta un novo horizonte económico que supere o 1% do PIB, “para garantir a solvencia das universidades neste importante proceso de cambio que supón Boloña e a integración no Espazo Europeo da Educación Superior”.
Ademais, Touriño destacou que na implantación do proceso de Boloña, “Galicia xa ten posto en marcha o motor da adaptación. O noso traballo vai por diante de moitas outras autonomías, e no próximo curso teremos xa 142 títulos oficiais de posgrao e cinco títulos de grao adaptados a Europa”.
O titular da Xunta salientou, tamén, que este novo sistema servirá para reforzar o protagonismo do alumnado, que gañará en autonomía, mobilidade, “e terá espazo propio para desenvolver o seu talento investigador, creador e innovador, ademais do seu espírito emprendedor”.

Visita aos stands do Forum Orienta

Previamente á entrega de premios, o presidente acompañado pola conselleira, o alcalde e o vicerreitor Iván Area, visitou os stands do Forum Orienta 08, destinado á promoción, achegamento e difusión da oferta de ensino superior en Galicia.
No stand da Universidade de Vigo, interesouse sobre todo por RATO, o robot deseñado na ETS de Enxeñaría Industrial, e polo coche de rallys deseñado nesta mesma escola. O acuario de Ciencias do Mar foi outro dos aspectos que máis chamou a súa atención.