O investigador, invitado polo grupo de Óptica Física, impartiu un seminario na Facultade de Ciencias

As novidades do eido da óptica non lineal, eixo central da conferencia de Yuri Kivshar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 11/04/2008

O profesor ruso Yuri Kivshar, da Australian National University impartiu este xoves un seminario na Facultade de Ciencias do campus na que, baixo o título Shaping and control of light in nonlinear periodic photonic structures explicou diferentes aspectos do control da luz en estruturas fotónicas periódicas non lineais. Kivshar, que é un dos investigadores máis importantes do mundo no eido da óptica non lineal, ten publicados máis de 400 traballos sobre a materia nas revistas máis relevantes, ademais de varios libros especializados.
Invitado polo grupo de Óptica Física que dirixe Humberto Michinel, Kivshar explicou na súa conferencia “como este novo tipo de fibras ópticas permiten controlar a transmisión e procesado de información mediante luz de xeito moito máis eficiente que os sistemas actuais” dixo. Ademais, agárdase que sexan “a alternativa de futuro para conseguir aumentar nos vindeiros anos de forma notable a velocidade dos sistemas de ópticos de comunicacións, que serán unha posible base para futuras versións de Internet” explicou.

Novos materiais ópticos

No seu relatorio, o profesor tamén comentou algunhas das últimas novidades na investigación de novos materiais ópticos. Afirmou que “parte das aplicacións máis interesantes dos coñecidos como metamateriais, están sendo empregados para usos militares” dixo Kivshar e, concretamente, puxo como exemplos, “a fabricación de dispositivos para xerar invisibilidade ou os denominados canóns de microondas, que son capaces de xerar calor intenso a longas distancias” engadiu.