O reitor, Alberto Gago, nomeado presidente do centro
O Centro Internacional de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, Energylab, iniciará a súa actividade no campus de Vigo
No futuro instalarase en CITEXVI
O Centro Internacional de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, Energylab, promovido por FENOSA, xunto con outras empresas, as tres universidades galegas e a Consellería de Innovación e Industria, iniciará a súa actividade no campus vigués, concretamente nunhas dependencias especialmente habilitadas no edificio Newton.
Energylab, presentado este venres en sociedade polos máximos responsables de FENOSA, a Universidade de Vigo e a Consellería de Industria, nace co obxectivo de impulsar o uso de tecnoloxías eficientes, cun menor impacto ambiental, a prezos competitivos e cun nivel de calidade equivalente e mesmo superior para o consumidor.
O centro que terá a misión, como afirma a súa directora Elena González “ de identificar, desenvolver e difundir tecnoloxías, procesos e produtos que melloren a eficiencia e sostibilidade enerxética na industria, o transporte, o equipamento doméstico e o transporte”, conta entre os seus socios fundadores con empresas como Inditex, Indra, Philips, GOC ou Finsa.
480.000 euros é a inversión inicial coa que conta o centro que terá como destino final CITEXVI.
A filosofía da eficiencia
No acto de presentación, celebrado no Centro Social Caixanova, o vicepresidente primeiro e conselleiro delegado de UNIÓN FENOSA, Honorato López Isla, afirmou que “o centro é unha oportunidade non só para Galicia, senón para España e incluso a nivel internacional”.López Isla que xustificou a localización inicial do centro no campus vigués “polo interese e a experiencia da Universidade de Vigo”, incidiu na importancia que para FENOSA ten vender enerxía para que use de xeito eficiente.
O vicepresidente primeiro da empresa enerxética que incidiu na importancia de impulsar a “filosofía da eficiencia enerxética”, destacou que a “novidade non é falar de eficiencia, senón facelo”.
Vehículo de exportación de coñecemento
A directora do centro, Elena González, foi a encargada de detallar tanto a misión, como a organización e obxectivos estratéxicos do Centro Internacional de Eficiencia e Sostibilidade que afirmou “está chamado a ser o vehículo a través do que exportar todo o coñecemento do ámbito da eficiencia e sostibilidade”.González que falou dun centro de referencia a nivel internacional con capacidade de orientar, coordinar e liderar proxectos innovadores, desvelou que Energylab “será unha fundación cun total de 27 patróns, e representantes da administración pública e do sistema universitario, así como empresas e asociacións”.
En relación co financiamento de Energylab, a súa directora, apuntou que o primeiro ano terá máis peso a pública non competitiva, para pasar a medio prazo a un maior financiamento público competitivo e chegar ao primeiro quinquenio de funcionamento cun gran incremento nos ingresos baixo contrato.
Éxito garantido
Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, destacou a necesidade do centro do que foi nomeado presidente, ata o punto de que “cando foi presentado por Honorato López Isla, soubemos que tiñamos que estar aí, ao tratarse dunha idea relevante e que ía nunha liña na que a Universidade de Vigo ten un experiencia investigadora”.Para Gago o centro conta ademais coa garantía de que mestura a iniciativa privada, o que sumado ao respaldo da Consellería de Industria, empresas privadas e as tres universidades galegas, fai que “teñamos moi bos augurios. Asistimos ao nacemento dun centro tecnolóxico que ten o éxito garantido a pouco que saibamos facer”.
Sobre o papel da Universidade de Vigo, Gago lembro que “pídennos transferencia de coñecementos e, por iso, apoiamos desde o primeiro momento esta iniciativa, buscándolle un espazo provisional, ata que se localice no seu destino final que será CITEXVI”.
Vocación de referente
Na súa intervención o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X.Blanco, lembrou a firme aposta da Xunta de Galicia polos centros tecnolóxicos aos que agora se suma este que está centrado no desenvolvemento e difusión da eficiencia e sostibilidade enerxética.Neste sentido, Blanco, destacou que “o aforro de enerxía é unha liña de traballo da Consellería, así como o desenvolvemento de enerxías renovables” e que Energylab “nace coa vocación de ser un centro de referencia”. Un centro que o conselleiro destacou, conta cun amplo apoio e que ten que ser, como o resto, “competitivo e lograr autofinanciarse”.
Necesario cambio de hábitos
Segundo revelan os índices que miden a eficiencia enerxética tanto no ámbito doméstico, como nas pemes españolas, existe un importante potencia de aforro, así como uns gastos que poderían reducirse a través do cambio de hábitos de consumo e do equipamento básico.Neste sentido Energylab desenvolverá unha actividade orientada á obtención de servizos, procesos e produtos con menores necesidades de enerxía, cun menor impacto medioambiental, económico e social.