Na I Xornada de Álxebra, Computación e Aplicacións
Especialistas en matemáticas das tres universidades galegas reúnense para compartir experiencias e avances na investigación
Terá lugar o día 21 no Edificio Politécnico
Para poñer en común avances e investigacións no ámbito matemático, este venres 21 de decembro terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática unha xornada de reunión dos membros da Rede Temática Galega de Álxebra, Computación e Aplicacións (ReGACA). Aínda que o obxectivo da I Xornada de Álxebra, Computación e Aplicacións é a divulgación non están dirixidas ao público en xeral pola complexidade do tema.
José Manuel Casas, do departamento de Matemática Aplicada I da Escola Superior de Enxeñaría Informática e un dos relatores do acto en nome da Universidade de Vigo, comentou que “presentaremos resultados de proxectos que se están a realizar, algúns deles xa están publicados pero outros son inéditos. En concreto nós estamos a traballar na investigación das estruturas alxébricas de aplicacións, sobre todo en Física” explicou.
Nas súas palabras “queremos pór en común distintas experiencias porque a álxebra é unha ferramenta fundamental da informática, hai que buscar o mellor xeito de complementarse” concluíu.