O nano protagonista dun simposio e unha exposición

O mundo da nanotecnoloxía para todos os públicos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 14/11/2007
Trala clausura do Simposio Internacional sobre Nanotecnoloxía en Medicina, celebrado os días 12 e 13 de novembro en Vigo, Luis Liz, coordinador do evento e profesor do departamento de Química Física, mostrouse moi satisfeito polos resultados acadados, afirmando que “a asistencia foi moi numerosa e o público participou activamente tanto nas charlas como nas mesas redondas, incluso nos felicitaron aos membros da organización”. Destacou así mesmo a categoría científica dos expertos e investigadores chegados de toda Europa e dos EE.UU, que dotou ao conxunto de conferencias “dun nivel máis alto do que en principio se esperaba”.

Próximas edicións

O representante neste congreso da Fundación Ramón Areces, encargada da organización en colaboración coa Universidade, manifestou o seu desexo de darlle continuidade a este proxecto a través de próximas edicións, aínda que “quizais haxa que agardar ata o 2009 para celebrar a nova cita e expor os avances acadados no campo da nanotecnoloxía”. O profesor Liz sinalou como causa desta espera a elevada actividade que esta fundación ten actualmente, posto que nos últimos dous meses levan organizados tres congresos sobre esta materia en distintas cidades de España. Este dato sirve como indicador do auxe que experimenta esta ciencia, capaz de organizar a materia a escala de millonésimas de milímetro para traballar no campo da medicina, da informática ou da construción, entre outros moitos.
Luis Liz asegura que mentres non chega a próxima edición deste simposio “o grupo de expertos da Universidade segue estando activo en redes de investigación tanto nacionais como internacionais de cara ao logro de avances no tema”

Nanotecnoloxía para principiantes

A nanotecnoloxía tamén é protagonista, aínda que a un nivel moi diferente do do simposio, da exposición que ata este xoves pode visitarse na estación de Renfe de Vigo. Alí os visitantes teñen a oportunidade de contemplar unha mostra de trinta fotografías que os achegarán á ciencia da nanotecnoloxía, considerada como unha das últimas revolucións científicas e tecnolóxicas. Trátase de instantáneas de monopartículas e nanoestructuras obtidas mediante diversas técnicas microscópicas, que teñen como obxectivo dar a coñecer conceptos relacionados coa materia entre os escolares e o público en xeral. Os universitarios terán tamén a oportunidade de contemplar estas fotografías cando o xoves se clausure a exposición e se traslade ao campus.