A Universidade consolida a súa capacidade competitiva en investigación

A secretaria xeral fixo repaso das actividades e feitos máis salientables do curso pasado

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 05/10/2007

O curso pasado a Universidade consolidou a súa capacidade competitiva en investigación e as súas actuacións de transferencia. Participou en proxectos europeos e internacionais por importe de 1.233.958,29 euros e as actividades de I+D contratadas supuxeron máis de seis millóns de euros. Estes foron algúns dos datos aportados pola secretaria xeral da Universidade, Esther González Pillado, na lectura da Memoria do curso académico 2006-2007.
Na mesma liña salientou os avances en propiedade industrial: 15 solicitudes de patentes nacionais, unha extensión europea dunha patente nacional e un modelo de utilidade.
No referente á mellora das infraestruturas, no campus de Ourense rematouse a ampliación do Edificio Politécnico, a adecuación dos espazos da antiga biblioteca a salas de libre acceso, seminarios e salón polivalente e a adaptación de espazos a persoas con minusvalías. “Así mesmo, está en fase de remate o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación no Parque Tecnolóxico de Galicia”, salientou a secretaria.
Polo que atinxe ao campus de Pontevedra destacouse o traslado da vicerreitoría á Casa das Campás, así como a ocupación definitiva da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. En Vigo, “deuse comezo ás obras do módulo tecnolóxico-industrial, iniciouse o expediente de urbanización da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla e adxudicáronse as obras dos módulos Bio-sanitario e novo CACTI”.

A Universidade en cifras

A lectura da memoria feita pola secretaria xeral converteuse nunha radiografía do estado da institución. 22.886 estudantes en primeiro e segundo ciclo: 4.831 no campus de Ourense, 3.319 no de Pontevedra e 12.437 no de Vigo. A eles hai que sumar 1.304 de estudantes de terceiro ciclo, dos que 101 defenderon xa a tese de doutoramento.
O cadro de profesorado estivo integrado por 1.595 docentes e o do persoal de administración e servizos por 656 traballadores.
No referente ás relacións internacionais, un ano máis destacou o éxito do programa Erasmus co que 549 estudantes da Universidade realizaron parte dos seus estudos noutros centros de educación superior europeos e co que recibimos a 447 alumnos. Os profesores non foron alleos a este espírito internacional e 53 docentes desprazáronse para impartir clase noutras universidades europeas.
Outros datos que a secretaria non pasou por alto neste resumo foron os 1.004 alumnos que pasaron polo Centro de Linguas, os 124 deportistas da Universidade de Vigo que acadaron un total de 21 medallas, incluídos sete ouros, ou a sinatura de 192 convenios de colaboración con institucións e diversas entidades.