Nunha conferencia do portavoz da súa fundación Lancy Dodem

A mensaxe contra a pobreza de Vicente Ferrer faise oír no campus

O acto celebrouse este martes na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 22/05/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este martes a conferencia A Fundación Vicente Ferrer e a loita contra a pobreza na India, ofrecida por Lancy Dodem, portavoz do Departamento de Comunicación desta fundación. A iniciativa é a primeira que organizan o Grupo de Investigación Medea Iuris da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnas e Alumnos da Facultade de Dereito no marco da colaboración asinada o pasado 25 de abril coa Fundación Vicente Ferrer e que ten como obxectivo recadar fondos para proxectos desta organización sen ánimo de lucro. 

“A miña intención nesta conferencia é traer o soño e a filosofía de Vicente Ferrer e a súa mensaxe para erradicar a pobreza a longo prazo” na zona sur da India na que traballa a fundación que leva o seu nome, explicou Lancy Dodem antes do inicio da conferencia. Como primeiro neno apadriñado por Vicente Ferrer, lembrou o relator, “medrei na súa casa e a miña vida foi sempre Vicente Ferrer. El ensinoume todo a través da súa acción, das súas accións boas”. Desde o ano 2001, Dodem vive en Barcelona e traballa como portavoz do Departamento de Comunicación desta organización sen ánimo de lucro, levando a cabo charlas, como foi este martes en Ourense, para todo tipo de colectivos aos que intenta explicar o traballo que realiza a Fundación Vicente Ferrer e a mensaxe do seu fundador. 

Desde as mulleres aos nenos e nenas

Cando Vicente Ferrer chegou á India, destacou Lancy Dodem, “había intocables, persoas sen dereito a nada, que non podían ir ao colexio e que tiñan os peores traballos”, intocables entres os que estaba o propio relator. Nunha India de 1300 millóns de habitantes, indicou, o sistema de castas está actualmente prohibido pero no día a día aínda existe tanto na India rural como na India urbana ao falar de matrimonios, que, sinalou, seguen sendo arranxados polos proxenitores. Despois de case 50 anos da chegada de Ferrer ao sur da India, comentou Dodem, son moitos os avances acadados. A fundación, lembrou, ten apadriñados 120.000 nenos e nenas que van ao colexio, 56.000 deles nenas, e concedeu 100.000 microcréditos a mulleres para “empoderalas" cos seus propios pequenos negocios. Tamén apuntou accións como a creación de embalses para loitar contra a seca nunha zona na que o 80% da poboación vive da agricultura ou o traballo para que as persoas con discapacidade “poidan estudar e traballar e sobre todo ser respectadas”. 

Entre todas as ensinanzas adquiridas de Vicente Ferrer Lancy Dodem destacou tres, como son as boas accións, o perdón e crer na providencia, nun mesmo e en seguir adiante. Pasados xa nove anos da morte de Ferrer, o relator sinalou como a súa mensaxe segue presente cun equipo de máis de 2700 persoas traballando na India e contando en España con 120.00 padriños que permiten desenvolver a actividade da fundación. Salientando como o vindeiro ano se cumprirán 50 anos da fundación, “necesitamos que a xente se sega involucrando nos nosos proxectos”, de aí a importancia de levar a cabo accións divulgativas como a celebrada este martes na Facultade de Dereito do campus de Ourense. 

Durante a súa conferencia Lancy Dodem falou da historia, cifras e proxectos da Fundación Vicente Ferrer pero tamén da India, tanto da súa parte moderna como rural, da relixión, dos costumes e doutras cuestións que axudan a entender a complexa realidade do país asiático. Contra a pobreza nela, sinalou o portavoz de comunicación, a fundación na que traballa desenvolve proxectos arredor de seis eixos de acción, como son a educación, a ecoloxía, a discapacidade, a muller, a construción e a sanidade. Estes proxectos, recalcou, son posibles grazas aos 21 euros que mensualmente doa cada un dos 120.000 padriños cos que conta a entidade. Doazóns que permiten, apuntou Dodem, actuar en 3500 pobos do sur da India. 

A conferencia celebrada este martes na Facultade de Dereito é o primeiro dos actos que ao abeiro da iniciativa do Grupo de Investigación Medea Iuris e da Delegación de Alumnas e Alumnos da Facultade de Dereito se levarán a cabo ao longo de 2018 e 2019. Nelas recadaranse doazóns para financiar un ou varios proxectos de loita contra a desertización e para a dotación de servizos hídricos en comunidades locais da India, concretamente nalgúns distritos de Andhra Pradesh, tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.