A proposta gañou a segunda bolsa de investigación da Fundación Dorzán

Un proxecto afondará no potencial da educación social no sector da terceira idade

José María Faílde e Laura Ruiz son os seus promotores

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 07/06/2018

A convocatoria da segunda bolsa de investigación sobre a terceira idade, realizada pola Fundación Dorzán no marco dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, xa ten proxecto gañador. Trátase do estudo Presencia e potencialidades da educación social no ámbito da intervención con persoas maiores, promovido polos membros do Grupo PT1 Psicoloxía da Saúde José María Faílde, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, e Laura Ruiz, investigadora predoutoral. Dotada con 1500 euros, a bolsa permitirá o desenvolvemento do proxecto ao longo de 2018. 

“O obxectivo deste proxecto é profundar no coñecemento existente sobre as potencialidades da educación social en relación coa intervención socioeducativa con persoas maiores, identificando os ámbitos de actuacións e as funcións que estes profesionais realizan”, explican Faílde e Ruíz. “Agradecemos e valoramos  moi positivamente que se conceda esta bolsa para traballar sobre un tema relevante para unha profesión emerxente como é a de educadora e educador social. É unha profesión que necesita visibilización e ter presenza e un dos modos de traballar para conseguilo é a través da investigación e a transferencia”, afirma José María Faílde. 

Segundo detallan os promotores do estudo, o ámbito socioeducativo da intervención con persoas maiores experimentou nos últimos anos unha demanda crecente debido ao fenómeno do envellecemento demográfico, converténdose de facto nunha saída profesional para educadoras e educadores sociais. “A pesar disto, carecemos ata o momento de estudos científicos que teñan focalizado a súa atención en delimitar as áreas e funcións que estes profesionais realizan no ámbito da intervención con persoas maiores”, detallan. Por este motivo, engaden, no traballo que realizarán analizarán e porán en valor o traballo que realizan educadoras e educadores sociais no eido da terceira idade. 

Desde o currículo formativo ata a práctica profesional 

Tendo en conta este marco de actuación, o proxecto de investigación gañador da bolsa Fundación Dorzán pretende especificamente identificar as fortalezas e oportunidades dos profesionais da educación social para intervir no ámbito das persoas maiores e identificar aqueles factores que facilitan ou dificultan a súa participación. O traballo tamén quere delimitar os sectores concretos nos que interveñen actualmente educadoras e educadores sociais no ámbito das persoas maiores; examinar a situación na que se atopa a inclusión da educación social neste ámbito nas diferentes autonomías; rexistrar e catalogar as funcións que desempeñan estes profesionais nos diferentes ámbitos de intervención con persoas maiores e identificar en que medida a formación xerontolóxica está presente no currículo formativo universitario das e dos egresados en Educación Social.

A investigación, detallan os membros do Grupo PT1, combina diferentes procedementos para acadar estes obxectivos, como son a análise documental, a consulta a diferentes institucións e a realización de entrevistas a educadoras e educadores sociais que traballan no ámbito da intervención con persoas maiores. O proxecto tamén contempla a elaboración dunha matriz de debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades para diagnosticar as potencialidades da implantación da educación social no ámbito da intervención con persoas maiores.