Realizado con preto de 200 alumnos e alumnas do colexio Calasancio de Pontevedra

Un estudo do grupo Remoss afonda nas características da reanimación practicada por nenos e nenas

As conclusións recóllense nun artigo en 'The American Journal of Emergency Medicine'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/06/2018

O peso xunto coa lonxitude do fémur e do antebrazo constitúen as variables que en maior medida determinan a calidade dunha manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP) realizada por nenos e nenas. Esta é unha das principais conclusións do estudo que o grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, realizou con preto de 200 alumnos e alumnas de entre 9 e 14 anos do colexio Calasancio de Pontevedra e cuxos resultados veñen de ser publicados na revista científica The American Journal of Emergency Medicine.

What biomechanical factors are more important in compression depth for children livesavers? A randomized crossover study é o título do artigo no que os investigadores e investigadoras do grupo que coordina o profesor Roberto Barcala analizan os datos obtidos no estudo que, o pasado curso, Martín Otero, Ana Antón e Iker Besada desenvolveron neste colexio como parte da investigación para a súa tese de doutoramento, traballo de fin de máster e traballo de fin de grao respectivamente. Xunto a eles, o tamén integrante do grupo Remoss Ezequiel Rey, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Nuñez e Cristian Abelairas, o investigador da Universidad Pontificia de Salamanca Sergio López e o profesor da Universidad de Castilla La Mancha José Luis Martín participaron nunha investigación que buscaba ir máis aló “das evidencias que sinalan que con 12 ou 13 anos é cando nenos e nenas empezan a facer unha RCP de calidade”, para coñecer que aspectos determinan a calidade, e máis concretamente a profunidade das compresións torácicas, por debaixo desas franxas de idade, como explica Otero.

Unha análise que implicou un cambio de enfoque

O estudo que deu pé a esta publicación viuse precedido da formación que Otero, Antón e Jiménez achegaron a este grupo de preto de 200 estudantes de entre 4º de Primaria e 2º da ESO respecto da RCP. “Antes de comezar a analizar os datos xa estabamos moi satisfeitos, porque a formación foi moi ben acollida, polo que os resultados foron moi positivos xa só por iso”, recoñece Otero Agra da primeira parte dun proxecto que buscaba avaliar posibles vías de “mellorar a calidade” da manobra realizada por nenos e nenas. Nese senso, unha das ideas nas que este estudo experimental quixo afondar é no feito que, dada a súa estatura, nenos e nenas teñen maiores dificultades para realizar as compresións colocando os seus brazos nun ángulo perpendicular ao peito da vítima, como ditan as recomendacións. Por iso, unha das probas que incluía a investigación era a realización cun manequín de catro test de RCP a cada participante, que debían facer no propio chan e logo elevados a unha altura de 5, 10 e 15 centímetros. “Fixeron catro probas distintas dun minuto e ao comparar resultados vimos que a mellor calidade era en basal, no chan”, relata Otero dun traballo experimental no que buscaban nese senso coñecer se unha elevación en altura contribuiría a que os nenos tivesen tamén un mellor ángulo para a realización das compresións.

De feito, as medicións dos ángulos realizadas a través da análise informática das fotografías tomadas aos e ás participantes no estudo amosaban que “o ángulo dos brazos si se aproximaba máis aos 90 graos ao elevalos”, pero isto non supuña unha mellora dos niveis de calidade da manobra realizada “que incluso empeoraba”. Nese senso, a “análise exhaustiva” de toda a información reunida nas medicións antropométricas realizadas a cada participante permitiulles constatar que, a diferencia do que acontece coa poboación adulta, a posición non é determinante á hora de lograr compresións de maior calidade, senón que esta vén determinada polo seu peso e a lonxitude de fémur e brazos. De feito, o grupo de nenos e nenas que mellor realizaron estas manobras era o que reunía “aos máis desenvolvidos fisicamente e cunha maior media de idade”, o que subliña a importancia das características físicas á hora de aplicar unha maior profundidade nas compresións, que é o aspecto “no que máis tenden a fallar os nenos, porque outros como o ritmo son máis congnitivos”. Así, unha das conclusións do estudo é que “debido ás súas características físicas, é complicado que un neno poida optimizar a calidade da RCP”, xa que esta dependerá do seu maior desenvolvemento físico, recoñece Otero, que non obstante, tamén incide en que, máis aló desa capacidade, “é algo consensuado que é mellor facer algo que non facer nada”, polo que “un neno formado pode axudar a salvar unha vida, aínda que sexa con compresións de tres centímetros”, dada a importancia que ten unha pronta actuación ante episodios como, por exemplo, unha situación de parada cardiorrespiratoria.