“Gonzo”, Gemma Pinyol e Sergio Barciela disertaron sobre mobilidade humana

Unha oportunidade (que non un problema) chamada migración 

O público ateigou o salón de actos do Marco, que tamén acolleu a proxección de 'Muros'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/11/2018

O salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo quedou pequeno esta tarde para acoller ás decenas de persoas que asistiron a escoitar e participar das reflexións que sobre mobilidade humana ofreceron o xornalista Fernando González “Gonzo”; a experta do Consello de Europa no proxecto Intercultural Cities e membro de Instratiegies Gemma Pinyol- Jiménez e o doutor en migracións e membro de Cáritas España Sergio Barciela. Os protagonistas do coloquio, organizado pola Universidade de Vigo, a través da súa Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Cooperación e Igualdade; o Concello de Vigo e a campaña Impórtanos, achegaron a súa particular visión dun fenómeno, o migratorio, que os tres coincidiron en lembrar é inherente á historia da humanidade, pero que nos últimos tempos está a sufrir os negativos efectos dunha nefasta xestión política, así como dun inaropiado tratamento por parte dos medios de comunicación. Fronte a esta situación, “Gonzo”, Pinyol e Barciela, demandaron responsabilidade á clase dirixente, unha sociedade esperta e sensible e uns medios de comunicación que acheguen unha imaxe real e completa das e dos protagonistas das migracións.

“O punto de partida é que a migración é unha oportunidade e non un problema, aínda que se formula así”, aseguraron Sergio Barciela e “Gonzo”, mentres que Gemma Pinyol-Jiménez incidiu na idea de que “cómpre pensar a migración e positivo. Son historias de persoas que fan cousas e se non, lles damos a razón a quen constrúe os muros e o discurso do medo”, dixo a investigadora. A vicerreitora de Responsabilidade Social, Cooperación e Igualdade, Maribel Doval, foi a encargada de moderar o coloquio, que rematou invitando aos tres participantes a reflexionar sobre que pode facer unha institución como a Universidade de Vigo “que é a casa do saber, para ser a casa da consciencia e construír narrativas en positivo”.

Tralo coloquio proxectouse o documental Muros de Pablo Iraburu, no que se amosan historias reais de persoas que viven a ambos os dous lados dos muros. 

“Non fagades caso ao que os medios contan das migracións” 

Tras dar cobertura a varios fenómenos migratorios en Oceanía, Asia, Oriente Medio, África e América do Sur, “Gonzo” comezou a súa intervención asegurando que “todo o mundo migra polos mesmos motivos e a primeira causa é o medo. Ninguén marcha por gusto”, asegurou o xornalista, que destacou a dificultade que para un profesional da comunicación entraña traballar con persoas migrantes e moi especialmente cando se trata de menores.

“Non fagades caso ao que os medios conten da migracións”, afirmou o xornalista de El Intermedio, que asegurou que este tipo de fenómenos só son tratados “cando afectan aos nosos países” e puxo como exemplo as caravanas migratorias que neste intre se dirixen a EEUU a poucos días da celebración nese país das eleccións lexislativas. “A Trump venlle de puta nai para lanzar frases xenófobas”, asegurou “Gonzo” que lembrou que este tipo de movementos migratorios prodúcense varias veces ao ano, pero nunca se fala deles, salvo nun momento coma este. O xornalista amosouse moi duro cos medios que unicamente se ocupan das persoas migrantes en destino “ e non se lles vai ben porque se non se desmonta a historia de que a migración é mala”, ao tempo que lamentou que os medios “somos cada vez menos contrapoder e máis sacar cartos do poder, dixo.

Un 4% da poboación mundial móvese, fronte a un 96% que vive onde naceu 

Tras asegurar que “as migracións son inherentes á historia da humanidade “ e que fronte ao 4% da poboación mundial que se move, o 96% restante vive onde naceu, a investigadora Gemma Pinyol-Jiménez denunciou que nos atopamos ante dúas crises: unha de xestión política e outra narrativa. A experta do Consello de Europa diferenciou entre os denominados migrantes internacionais, “que forman parte dun proceso natural” e os refuxiados “que medraron moito nos últimos anos e que nos deben preocupar”, ao tempo que denunciou que por parte das autoridades se poña o foco e o gasto na migración irregular marítima, “ademais de gastar cartos no control de fronteiras e perverter as relacións cos países fronteirizos”.

Gemma Pinyol-Jiménez animou a cambiar a narrativa sobre as persoas migrantes das que nunca se fala cando teñen éxito, reforzando así o imaxinario de que a migración é unha ameaza. “Cómpre construír narrativas distintas, porque se non se laminan e empobrece a vida cotiá”, asegurou a investigadora, que alertou do auxe dos gobernos de extrema dereita, fronte aos que animou á cidadanía a ser responsable e consciente do poder dos seus votos.

A criminalización da solidariedade

Ademais de explicar o traballo que Cáritas España fai a prol da integración das persoas migrantes, Sergio Barciela comezou a súa intervención denunciando, tanto as mensaxes políticas que utilizan ás persoas que chegan de fóra como “chivos expiatorios”, como a acollida á integración en España, que considera “fai augas”. Especialmente duro se amosou o investigador co que considera unha flagrante vulneración dos dereitos humanos na migración, ata o punto de falar de “criminalización da solidariedade”.

Barciela incidiu na sensibilidade da Igrexa e do Papa Francisco cos dereitos das persoas e asegurou que “debemos traballar todos tendendo pontes nunha Europa que será máis diversa”, sinalou, ao tempo que destacou a solidariedade e receptividade da sociedade española coas persoas migrantes, ata o punto de considerar que “somos un exemplo no contexto xeral, ademais de ter unha cidadanía máis consciente que os políticos, aos que debemos esixir responsabilidade”, asegurou.