Os equipos de baloncesto sumaron cadansúa vitoria esta fin de semana

O Campus Universitario Ourense Rugby Club perde contra o Bathco RC

En xadrez acadouse un terceiro posto na Copa Deputación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 05/11/2018

Esta fin de semana, o Campus Universitario Ourense Rugby Club perdeu nas instalación deportivas do campus contra o Bathco RC de Santander. Pola contra, en baloncesto os equipos universitarios sumaron cadansúa vitoria e o de xadrez acadou un terceiro posto na Copa Deputación disputada en Celanova.

Revés en rugby

O partido celebrado no campo de rugby universitario o domingo entre o Campus Universitario Ourense Rugby Club e o Bathco RC de Santander rematou cun marcador de 7-17. “Unha pena xa que o partido empezou moi igualado con boa defensa por parte dos ourensáns pero que non puido ser. Esperamos emendar erros e traballar duro e ben esta semana”, comentan desde o club. Con esta derrota, o equipo universitario sitúase no cuarto posto do seu grupo na división de honra B do rugby estatal, con catro vitorias e tres derrotas.  

Bos resultados en baloncesto

En baloncesto, os equipos do campus sumaron cadansúa vitorias nos partidos disputados na casa o sábado. A categoría masculina gañou na primeira división autonómica ao CB Tui Seta por un axustado marcador de 80-79, manténdose con catro vitorias no que vai de liga no primeiro posto da táboa. Na primeira división autonómica feminina, as xogadoras do campus acadaron tamén unha vitoria no seu cuarto partido de competición, gañando ao CLB por un marcador de 86-46. Con este resultado sitúanse quintas na táboa, con tres vitorias e unha derrota.

Copa Deputación de Xadrez por equipos

Polo que respecta ao xadrez este sábado no pavillón municipal de Celanova disputouse a Copa Deputación por equipos. O equipo do Universitario de Ourense de Xadrez que participou, formado por Favio Fuentes, César Pérez, Marcos Reza, Miguel Reza e Lino Hermida, acadou “un meritorio terceiro posto, só superados por Xadrez Ourense, que foron primeiros, e Xadrez Benchoshey, que quedaron segundos”, segundo explican desde o club de xadrez universitario.