O grupo dx5, de BBAA, estudará ata 2019 o cómic de campo expandido e o hiperlibro de artista

Un proxecto con financiamento estatal para teorizar nas fronteiras do cómic e a arte

O estudo parte da ausencia de literatura específica e busca tamén promover a experimentación artísti

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 31/07/2017

Das súas páxinas xurdiron películas que xeran ingresos multimillonarios e icónicas personaxes, así como unha linguaxe visual, marcada pola secuenciación, que se ten expandido máis aló dos seus soportes tradicionais. Mais, ao mesmo tempo, a banda deseñada é tamén un medio pouco explorado desde o punto de vista investigador, en especial desde ámbitos como as Belas Artes. Promover unha reflexión teórico-conceptual sobre a idea do “cómic de campo expandido”, aquelas obras que combinan as peculiaridades lingüísticas, formais, narrativas e conceptuais do cómic con outras manifestacións artísticas é un dos obxectivos centrais do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes desenvolverá ao longo dos próximos tres anos e que no que afondarán tamén noutro soporte ”na fronteira da arte gráfica” como é o hiperlibro de artista, ao tempo que estudarán a animación desde un enfoque transversal.

“Queremos facer algo con perspectiva, para entender a complexidade do fenómeno cómic, que é unha tendencia internacional”, sinala Ana Soler, coordinadora xunto con Anne Heyvaert do grupo dx5. Desenvolver un marco teórico-conceptual para “unha forma artística en plena auxe, que actualmente carece dun corpus académico, especialmente en lingua castelá” é nese senso un dos obxectivos centrais do proxecto Explorando nuevos territorios gráficos desde una perspectiva transdiciplinar. Cómic de campo expandido, el hiperlibro de artista y teorías animéticas contemporáneas, seleccionado no Programa Estatal de Fomento da I+D+i de Excelencia do Ministerio, que o grupo desenvolverá ata 2019 coa colaboración de especialistas de universidades de Estados Unidos, Alemaña, Hungría, Brasil e Xapón. “A pertinencia do proxecto evidénciase na propia concesión. Penso que hai dez anos, un proxecto ministerial sobre cómic soaba a ciencia ficción”, engade o investigador José Andrés Santiago, quen vén de completar unha estadía posdoutoral de dous anos na Facultade de Manga da Universidad Kyoto Seika xaponesa, da que proceden varios dos colaboradores desta investigación.

Triplo enfoque para un campo por estudar

Tres medios que se atopan “nunha época de auxe”, que se conectan, como sinalan desde o grupo de investigación, “nas fronteiras da arte gráfica” e que presentan tamén “nexos tecnolóxicos comúns” centran un proxecto transdiciplinar no que se combinan os enfoques teórico-conceptual, científico-técnico e artístico-práctico. “Neste caso, é un proxecto no que a parte conceptual ten un maior peso, pero estamos falando tamén de experimentar con este tipo de contidos”, sinala Santiago.

Nese senso, suplir o “déficit de literatura científica” existente nestes eidos é o obxectivo central de liñas de traballo como a que aborda a banda deseñada desde a idea do campo expandido como indicadora “dun enfoque transdisciplinar que desborda e transcende os límites que convencionalmente se atribúen” a un determinado medio e que xa se vén aplicando á pintura, o vídeo ou a arte gráfica.. Así, afondarase na súa confluencia con outras formas artísticas como as instalacións murais ou escultóricas, a performance, a arte interactiva...“De toda esa amalgama extráense moitos conceptos como narratividade, secuenciación, fragmentación... Digamos que imos establecer unha especie de ponte entre estes dous mundos, de documentación, pero tamén de experimentación”, sinala Soler, dun traballo que analizará tamén a idea do webcomic, aqueles creados especificamente para internet, contrapoñéndoa ao cómic dixital e os e-cómics, que respectan na pantalla as convencións inherentes ao formato impreso. Entre as accións a desenvolver neste eido ao longo do proxecto figuran tanto a publicación dunha monografía, como a organización dun workshop internacional e o desenvolvemento de iniciativas que leven ao alumnado a experimentar con este soporte.

Cando o libro supera os límites da páxina

O segundo piar do proxecto dá continuidade a investigacións e publicacións previas do grupo sobre o libro de artista, desta vez centrándose na “nova sintaxe” que as ferramentas tecnolóxicas poden achegar a este tipo de obras. A diferencia do libro electrónico, o concepto de hiperlibro “rompe completamente os límites da páxina impresa, tendendo pontes invisibles e dando como resultado unha vasta rede que organiza o discurso mediante conexións non exclusivamente secuenciais, senón en múltiples direccións e profundidades”, cunhas posibilidades de difusión “practicamente infinitas”, sinala Santiago.

Afondar no marco conceptual deste “contedor multilinguaxe ou multimedia”, en como pode sumar “novas linguaxes e experiencias na práctica da arte contemporánea” é a base dunha liña de traballo que abrangue tamén a análise dos retos técnicos aos que poida enfrontarse, “tanto na súa creación, como na súa comercialización e conservación”. Así mesmo, entre os propósitos desta liña figura que alumnado, investigadores e artistas convidados contribúan ao desenvolvemento de hiperlibros, así como a organización dunha exposición cos resultados deste traballo de experimentación.

Completa o proxecto un campo de análise, a animación, que Soler define como “unha canle natural de expansión” da banda deseñada. Trátase, engade Santiago, da “proposta máis conceptual de todo o proxecto”, centrada en analizar a animación como unha manifestación cultural desde un enfoque transversal, partindo do estudo das “principais teorías animéticas”, que dea lugar tamén a publicacións que, ao igual que nos resto dos casos, combinarán o formato físico co dixital.