Dotado con 3000 euros para o traballo gañador e 1500 para o accésit

A Unidade de Igualdade convoca o IV Premio Antonia Ferrín Moreiras

O obxectivo é incentivar ao profesorado a crear materiais e recursos docentes con perspectiva de xén

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/02/2016

A Unidade de Igualdade volve retar ao profesorado a pór en marcha a súa imaxinación e presentar traballos ao IV Premio de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero da Universidade de Vigo Antonia Ferrín Moreiras, un galardón co que a institución pretende axudar aos docentes a crear ferramentas que lles faciliten o seu labor na transmisión de valores igualitarios na formación do alumnado. Dotado cun primeiro premio de 3000 euros e un accésit de 1500 euros, os docentes deberán empregar estas axudas para a posta en marcha de actividades relacionadas coa educación superior ou a investigación con valores igualitarios tales como asistencia a encontros, formación, invitación de conferenciantes, publicación do material premiado, difusión de estudos...

Dirixido a todo o profesorado e aberto a persoal externo

O premio está dirixido a todo o profesorado da Universidade de Vigo, con docencia asignada no Plan de Ordenación Docente (POD), que poderá participar de xeito individual ou colectivo. No caso de participación en grupo, cómpre que polo menos unha das persoas que o compoñan, que será a que coordine, teña vinculación permanente coa Universidade. No grupo tamén poderá participar persoal externo á Universidade de Vigo.

As propostas de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero deberán ser orixinais, inéditas, en formatos diferentes e, unha vez resolto o premio, empregaranse como soporte docente e de referencia das clases presenciais ou virtuais dunha ou varias materias de calquera área de coñecemento, xa que a intención é ir creando todo un repositorio de recursos para educar en igualdade. O prazo para presentar solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 12 de maio.

Espallando a cultura da igualdade

Bautizados como Antonia Ferrín Moreiras (Ourense, 1914 -Santiago de Compostela, 2009), en lembranza da que foi a primeira astrónoma galega, os premios axudaron xa a pór a disposición da comunidade universitaria variado material educativo con perspectiva de xénero.

Na anterior edición, en 2015, o primeiro premio outorgouse ao proxecto Reconstruíndo o dereito dende unha perspectiva de xénero: materiais para a igualdade, impulsado polos docentes Almudena Bergareche, María Antonia Martínez, Carmen Montesinos, Ángel Aday Jiménez e Pablo Riquelme, da Universidade de Vigo e Itziar Gómez, da Carlos III, e os resultados, presentados xa nunhas xornadas celebradas o pasado mes de decembro, están a piques de publicarse. No caso do accésit o traballo elixido nesta ocasión foi Xénero e sexualidade no mundo: unha viaxe transcultural, unha páxina web que recompila os froitos do traballo realizado ao longo de máis dunha década pola docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Águeda Gómez con especialistas como a antropóloga mexicana Marinella Miano, xa falecida; a investigadora Silvia Pérez, que colaborou no estudo sobre os clientes da prostitución en España; o docente de Comunicación Audiovisual Xaime Fandiño, a docente de Economía Aplicada Rosa María Verdugo e o enxeñeiro agrónomo Alejandro Nuricumbo.

Outros exemplos, xa na rúa, é a Guía do clítoris, premiada na primeira edición, que se repartiu xa en todos os institutos da provincia de Ourense ou o proxecto Matemáticas en pé de igualdade.