A OMA doa seis exemplares de 'prunus padus' ao Concello de Ourense e á Asociación Ridimoas

Unha historia e unhas cerdeiras singulares

Trátase dunha especie escasa atopada por casualidade nos viveiros universitarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 15/02/2012

En 2005 chegaron ao viveiro do campus de Vigo 80 macetas do que parecían cerdeiras silvestres. Alí estiveron medrando ata que o ano pasado as máis desenvoltas floreceron por primeira vez. E aí veu a sorpresa para os técnicos de xardinería da Universidade de Vigo. Eran en realidade prunus padus, cerdeiras de acios, unha especie europea escasa que se considera unha reliquia orixinaria das glaciacións terciarias. Pola súa singularidade e por precisar dun hábitat moi concreto para vivir, a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo vén de doar varios destes exemplares ao Concello de Ourense e á Asociación Ridimoas, referente na recuperación desta cerdeira.

Piedad Suárez, responsable de xardinería e zonas verdes dos campus de Vigo e Pontevedra, e José Manuel Teijeiro, o seu homólogo no campus de Ourense, foron os encargos de entregar tres exemplares a David Rodríguez, vicepresidente da Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas, e outros tres a José Manuel Corbal, encargado de xardinería do Concello de Ourense. Todos eles amosaron a súa satisfacción por contribuír á conservación dun especie tan escasa a través desta pequena colaboración entre institucións.

“Cada vez temos menos sitio nos campus universitarios para plantar árbores e pola singularidade do caso pensamos que sería unha boa idea regalar varios exemplares aos concellos de Pontevedra, Vigo e Ourense e á Asociación Ridimoas, que ten traballado moito na conservación desta cerdeira”, explica Piedad Suárez ao tempo que comenta a moi "grata sorpresa" que supuxo para os técnicos da Universidade de Vigo a inesperada descuberta desta especie no seu viveiro.

Lugares sombríos preto de ríos

José Manuel Teijeiro apunta que a cerdeira de acios “é unha especie europea en franco retroceso, moi escasa, que dá unha cereixas negras que polo seu sabor amargo aínda que son comestibles son fundamentalmente alimento para paxaros”. O atractivo biolóxico desta árbore, engade David Rodríguez, é que “é herdeira da vexetación propia da glaciación terciaria e como todas as procedentes desa época require para saír adiante de bosque autóctono, de lugares sombríos á beira de ríos e dunha vexetación moi potente”.

Unha vez entregadas as árbores, o Concello de Ourense está buscando a situación máis idónea para a súa conservación. Mentres, a Asociación Ridimoas ten previsto proceder á súa plantación esta fin de semana nos terreos da súa propiedade, onde xa dispoñen de exemplares similares. A asociación, sen ánimo de lucro, conta cuns mil membros que teñen mercadas arredor de 150 hectáreas de terreo forestal para a súa conservación, mellora e emprego como recurso didáctico, continuando na actualidade coa súa política de adquisición de parcelas no Ribeiro para a súa xestión ambiental. Nesta zona, onde se incorporarán os exemplares procedentes da Universidade de Vigo, están traballando desde o ano 1989 na conservación da cerdeira de acios, que finalmente conseguiron reproducir a través da técnica de ramo calzado.

Alén da doazón ao Concello de Ourense e a Ridimoas, un exemplar da cerdeira será plantado proximamente no campus de Ourense. Concretamente colocaranse na zona contigua ao estanque universitario, co obxectivo último de enriquecer a diversidade natural desta zona, onde se poden observar máis de 120 especies vexetais diferentes.