A Rede REAL reuniu este xoves no campus a investigadores e empresas para afondar neste eido
Os compostos bioactivos abren novas perspectivas en agroalimentación
Ademais de falar de tecnoloxía os asistentes debateron sobre transferencia do coñecemento
A xornada foi inaugurada por Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus, que salientou que os cambios nos hábitos alimenticios e o avance científico están propiciando a aparición de novas técnicas para o desenvolvemento de alimentos funcionais, alimentos que alén dos seus valores nutricionais cumpren funcións específicas de mellora da saúde ou prevención de enfermidades. Para amosar o traballo que neste eido realiza o Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, concretamente na valorización de residuos como fonte de antioxidantes, os profesores Herminia Domínguez e Andrés Moure foron os encargados de comezar as sesións de traballo da xornada.
Os asistentes tamén puideron coñecer as tecnoloxías emerxentes neste eido a través das experiencias expostas por expertos procedentes doutras universidades. María José Motilva, da Universitat de Lleida, falou dos procesos de extracción para o enriquecemento do aceite de oliva con extractos fenólicos de subprodutos de almazara. José Manuel López Vilariño, da Universidade da Coruña, afondou nos novos envases activos para produtos, e Elena Ibáñez, do Instituto de Investigación en Ciencias de la Alimentación (CIAL-CSIC), expuxo a extracción e purificación de compostos antioxidantes con fluídos en condicións sub e supercríticas. Pola súa banda, Josep Lluis Torres, do Instituto de Química Avanzada de Catalunya (IQAC-CSIC) de Barcelona, falou de antioxidantes en suplementos dietéticos e alimentos funcionais.
Ademais de falar de tecnoloxía, os asistentes aproveitaron a ocasión para realizar unha mesa conxunta na que o tema central foi a Transferencia de resultados de investigación e a mellora da actividade empresarial. Ademais dos investigadores antes citados uníronse á mesa José Posada, da empresa Marrón Glacé; José Manuel Pérez, de Aceites Abril, e Pancho Sueiro, técnico do CITI. Os participantes recoñeceron as dificultades das relacións empresa-universidade pero apostaron pola transferencia de coñecemento e o establecemento dunha relación máis intensa entre estes dous actores para fomentar o desenvolvemento económico.