Día Mundial das Persoas Refuxiadas

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 19/06/2020

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas acordou no ano 2000 conmemorar o 20 de xuño como o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, unha data que coincide co aniversario da Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951. Por medio desta campaña, a axencia das Nacións Unidas para esta causa (Acnur) desexa trasladar a realidade de milleiros de seres humanos obrigados a ter que abandonalo todo: o seu país, a súa vivenda ou a súa familia.

Este día representa unha expresión de solidariedade, unha oportunidade de sensibilización e unha declaración de responsabilidade con todas as persoas refuxiadas. Do mesmo xeito, o obxectivo é lembrarlle a todo o mundo que pode contribuír con cada acción no seu día a día para crear unha contorna máis xusta, máis inclusiva e máis igualitaria.

Acnur lembra que cada dous segundos alguén se sente obrigado a deixar atrás o seu fogar como consecuencia dos conflitos e das persecucións. Amais, cada ano, o número de persoas desprazadas pola forza (refuxiadas, retornadas, desprazadas internas, solicitantes de asilo e apátridas) aumenta drasticamente.

Segundo constatan as Nacións Unidas, no ano 2019 máis de 68,5 millóns de persoas perdérono todo e precisaron de axuda urxente para cubrir as súas necesidades básicas como o alimento, a auga ou o refuxio. Por tanto, esta causa converteuse na crise máis grave no ámbito mundial e con máis necesidade de financiamento, xa que as cifras chegan a límites históricos, nunca vistos desde 1950.

A Axenda 2030 a favor das persoas refuxiadas

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible ten o compromiso de non deixar a ninguén atrás. O Día Mundial das Persoas Refuxiadas supón un chamamento á acción para toda a comunidade co propósito de defender os dereitos da infancia, das mulleres e dos homes e, así, afrontar as causas raíz dos desprazamentos. 

Tanto o sector público e privado como a comunidade internacional e a sociedade civil deben atopar solucións intelixentes e mobilizar recursos para garantir o progreso humano. Esta tarefa comeza coa consecución do ODS 4 «educación de calidade» polo que se lles pretende dar un acceso á educación a todas a nenas, aos nenos e á mocidade.

Alén diso, é preciso facilitarlles fogares seguros, dignos e accesibles ás familias refuxiadas (ODS 11), posibilitarlles acceder a un traballo decente (ODS 8)  e incluílas nos sistemas nacionais de sanidade (ODS 3) á espera de solucións duradeiras para o seu desprazamento. Deste modo poderanse reducir as desigualdades (ODS 10), a fenda de xénero (ODS 5) e poñer fin á fame e á pobreza (ODS 2 e ODS 1).

Co fin de promover a inclusión das persoas refuxiadas e acadar a prosperidade enmarcada na Axenda 2030, os Estados deben comprometerse a acollelas e a construír pactos resilientes para lograr a paz (ODS 16), así como establecer alianzas para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS 17). Neste Día Mundial das Persoas Refuxiadas ponse en valor a construción da paz e a consecución da Axenda 2030 por medio da inclusión, achegándolles aos países un enfoque máis humano e coordinado. 

Accións de sensibilización e de concienciación

Acnur organiza cada ano diferentes actividades para render homenaxe e achegarlle á poboación esta campaña. Neste 2020, anímanos a participar en eventos virtuais organizados a través da súa páxina oficial. Ademais, proponnos participar no reto de correr, camiñar ou andar en bicicleta dous mil millóns de quilómetros entre todos por medio de diferentes aplicacións móbiles, como símbolo da distancia que percorren as persoas refuxiadas cada ano ata chegar a un lugar seguro.

De igual maneira, convídanos a amosar a nosa solidariedade nas nosas redes sociais, por medio da etiqueta #CosRefuxiados, #ConLosRefugiados ou #WithRefugees. Nacións Unidas sinala que todo o mundo pode marcar a diferencia, toda acción conta na creación dun mundo inclusivo.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal