Do 15 ao 18 de outubro na Casa das Campás
Un ciclo de conferencias amosará a relación entre o cine e a pintura ao longo da historia
O recoñecido director José Luís Borau impartirá a charla inaugural
Enmarcado dentro da programación de outono que organiza a Vicerreitoría do campus, terá lugar o ciclo de conferencias O cine e a pintura, co que os asistentes poderán afondar nos lazos de unión que, ao longo da historia, relacionaron ao mundo cinematográfico con outras disciplinas artísticas como, neste caso, a pintura. Baixo a dirección da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Carmen Becerra, a iniciativa pretende ser “unha fórmula de achegamento a un campo moi novo que demostra que as artes non teñen fronteiras lingüísticas, nin de patria nin de ningún outro tipo”, explicou a docente.
O ciclo, que comezará o vindeiro 15 de outubro na Casa das Campás, estruturarase en dúas partes: Os pintores no cine e A pintura no cine. Na primeira, afondarase nos autores que deron nome a recoñecidas películas ou que as súas vidas se converteron no argumento de outras, como é o caso de Van Gogh ou Frida Kahlo. Ademais, os participantes descubrirán que “en función de quen se achegue a un artista o resultado é moi diferente”, subliñou Carmen Becerra.
Xa na segunda parte estudarase a utilización de recursos e estratexias pictóricas como a iluminación na gran pantalla, tema que adiantará o recoñecido director de cine José Luís Borau na conferencia inaugural baixo o nome Relacións entre cine e pintura. Seguiranlle outros expertos na materia como Áurea Ortiz, da Universidade de Valencia, José Luís Sánchez Noriega, da Complutense de Madrid ou Claude Murcia, da Universidade París VII, entre outros.