O vindeiro luns, 22 de setembro, nos centros de A Xunqueira e o xoves, día 25, en Belas Artes
As escolas e facultades do campus dan a benvida aos estudantes de primeiro
Discursos, visitas guiadas e proxeccións de vídeos darán contido aos actos de apertura
EUET Forestal, na EU de Fisioterapia e en Ciencias Sociais e da Comunicación
Esa mesma mañá abrirase o curso na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal que, ademais de recibir aos novos matriculados, realizará unha xornada de portas abertas para todos aqueles que queiran coñecer un pouco máis de cerca a titulación e as instalacións coas que conta. Segundo explicou a dirección do centro, “o que queremos é amosar a contorna na que os alumnos vivirán os próximos anos e despexar calquera dúbida sobre a etapa académica que comeza”. A xornada principiará coa visualización dun vídeo institucional da Universidade e outro da escola, ao que lle seguirán unha serie de intervencións da man dos responsables do centro para explicar o plan de estudos, temas relacionados cos servizos que poden utilizar os estudantes, as bolsas ás que poden acceder e todo tipo de cuestións que poidan afectar a súa vida como membros da comunidade universitaria. Posteriormente, os representantes da delegación de alumnos daranse a coñecer e o persoal da Biblioteca Central do campus fará unha breve descrición do seu funcionamento, ademais de entregar algunha documentación e o catálogo de fondos bibliográficos. Para rematar o acto, farase unha visita guiada polas instalacións na que os rapaces coñecerán todas as aulas, laboratorios e salas nas que desenvolverán o seus estudos.Ás doce da mañá tocaralle á Escola Universitaria de Fisioterapia que, logo de dar a benvida aos futuros diplomados, o seu director, Manuel Gutiérrez Nieto, entregaralles a guía da titulación, un documento no que se reflexa o plano de estudos, unha breve descrición das materias, unha explicacións dos horarios, os calendarios de exames, as titorías, as estancias clínicas, os programas de intercambio, cursos, etc. Ademais, no evento de apertura terá lugar a asignación de titores e orientadores a cada estudante, co obxectivo de “asesoralos e axudalos no seu primeiro ano”, sinalou Gutiérrez Nieto.
A outra facultade do campus de A Xunqueira, Ciencias Sociais e da Comunicación, tamén inaugurará o curso o vindeiro luns, cunha sinxela presentación do equipo do decanato e dos representantes dos servizos que ofrece o centro. Os alumnos de primeiro curso xa entrarán en materia coa conferencia de apertura que, baixo o título Da cultura e da comunicación ás industrias creativas: modas e trampas para a investigación, impartirá o profesor da Universidade Complutense de Madrid, Enrique Bustamante Ramírez.