Consellos de Goberno e Social, terán que pronunciarse ao respecto
Ana Fernández Pulpeiro será proposta como nova xerente da Universidade de Vigo
Fernández Pulpeiro xa dirixira a Área de Calidade da UVigo
Ana Fernández Pulpeiro será proposta polo Reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, como nova xerente da institución académica en sustición de Antón Vidal, que ocupa provisionalmente o cargo trala marcha de Manuel Castro o pasado mes de abril. A designación da persoa que se encargará da Xerencia ten, como afirma o Reitor "unha tramitación longa xa que ten que ser primeiro aprobada polo Consello de Goberno e a continuación sometida ao Consello Social".
Fernández Pulpeiro que actualmente desempeña o cargo de directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, exercera desde o ano 2002 na Universidade de Vigo, como directora da Área de Calidade.
Tramitación longa
A proposta para designar a Ana Fernández Pulpeiro xerente da Universidade de Vigo será trasladada, o vindeiro día 18 de decembro, polo Reitor ao Consello de Goberno. Unha semana máis tarde, concretamento o día 27, será o Consello Social o que aborde a proposta do Reitor. Alberto Gago asegura que " se trata dunha designación que ten unha tramitación longa que non estará resolta ata que se produza o pronunciamento, primeiro do Consello de Goberno e despois do Consello Social".Caso que a proposta realizada polo Reitor reciba o apoio de ambolosdous consellos, a Xerencia da Universidade de Vigo, tería novo responsable a partir dos primeiros días de xaneiro de 2008, cumpríndose así a previsión do equipo de goberno que preside Alberto Gago que lembra que " a nosa pretensión é iniciar o proximo ano co posto de xerente cuberto".
Ampla traxectoria na administración pública
Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e máster en Dirección e Planificación Universitaria pola Universidade Politécnica de Cataluña, Ana Fernández Pulpeiro, iniciou a súa traxectoria profesional como técnico de xestión no INSALUD en Santiago de Compostela.Directora de xestión e servizos xerais do Hospital Xeral de Galicia e xerente da Universidade de Santiago, foron outros cargos desempeñados por Fernández Pulpeiro, antes de incorporarse á Universidade de Vigo no ano 2002. Desde esa data e ata a súa designación como directora xeral da División de Recursos Económicos do SERGAS, ocupou na institución académica viguesa o cargo de directora da Área de Calidade e secretaria do Consello Executivo da Fundación Universidade de Vigo.
Ana Fernández Pulpeiro naceu en Foz no ano 1959.