Consellos de Goberno e Social, terán que pronunciarse ao respecto

Ana Fernández Pulpeiro será proposta como nova xerente da Universidade de Vigo

Fernández Pulpeiro xa dirixira a Área de Calidade da UVigo

Tags
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/11/2007

Ana Fernández Pulpeiro será proposta polo Reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, como nova xerente da institución académica en sustición de Antón Vidal, que ocupa provisionalmente o cargo trala marcha de Manuel Castro o pasado mes de abril. A designación da persoa que se encargará da Xerencia ten, como afirma o Reitor "unha tramitación longa xa que ten que ser primeiro aprobada polo Consello de Goberno e a continuación sometida ao Consello Social".
Fernández Pulpeiro que actualmente desempeña o cargo de directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, exercera desde o ano 2002 na Universidade de Vigo, como directora da Área de Calidade.

Tramitación longa

A proposta para designar a Ana Fernández Pulpeiro xerente da Universidade de Vigo será trasladada, o vindeiro día 18 de decembro, polo Reitor ao Consello de Goberno. Unha semana máis tarde, concretamento o día 27, será o Consello Social o que aborde a proposta do Reitor. Alberto Gago asegura que " se trata dunha designación que ten unha tramitación longa que non estará resolta ata que se produza o pronunciamento, primeiro do Consello de Goberno e despois do Consello Social".
Caso que a proposta realizada polo Reitor reciba o apoio de ambolosdous consellos, a Xerencia da Universidade de Vigo, tería novo responsable a partir dos primeiros días de xaneiro de 2008, cumpríndose así a previsión do equipo de goberno que preside Alberto Gago que lembra que " a nosa pretensión é iniciar o proximo ano co posto de xerente cuberto".

Ampla traxectoria na administración pública

Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e máster en Dirección e Planificación Universitaria pola Universidade Politécnica de Cataluña, Ana Fernández Pulpeiro, iniciou a súa traxectoria profesional como técnico de xestión no INSALUD en Santiago de Compostela.
Directora de xestión e servizos xerais do Hospital Xeral de Galicia e xerente da Universidade de Santiago, foron outros cargos desempeñados por Fernández Pulpeiro, antes de incorporarse á Universidade de Vigo no ano 2002. Desde esa data e ata a súa designación como directora xeral da División de Recursos Económicos do SERGAS, ocupou na institución académica viguesa o cargo de directora da Área de Calidade e secretaria do Consello Executivo da Fundación Universidade de Vigo.
Ana Fernández Pulpeiro naceu en Foz no ano 1959.