Día Mundial da Arquitectura

As construcións do campus convértense nun museo para os vigueses

Os autores dos edificios explican os seus proxectos aos cidadáns

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jorge F DUVI 01/10/2007

A conservación do medio natural, a creación de espazos de interrelación para os estudantes e a procura da unión entre os centros. Estas son algunhas das preocupacións que guiaron a construción do campus universitario de Vigo e ás que se achegaron os cidadáns que participaron no “Día Mundial da Arquitectura”. Con motivo desta celebración, a delegación local do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizou visitas guiadas polas infraestruturas da Universidade no campus de Lagoas – Marcosende.
“Dende a primeira edificación, no ano 1972, as construcións viviron diferentes fases”, lembraba o vicerreitor de Planificación. José Cidrás recibiu aos visitantes e explicoulles os principais fitos arquitectónicos do complexo universitario, dende os anos 80, “nos que parecía que habería un grupo de edificios nunha estrada”, ata o momento actual, “no que buscamos crear unha unidade de convivencia para a docencia, a cultura, a investigación ou o deporte”, especialmente a partir do proxecto de reorganización levado a cabo por Enric Miralles.
“Dende ese día búscase que os vigueses vos apropiedes do campus e que se converta nun signo de identidade para a cidade, porque neste momento os edificios son moi recoñecidos internacional pero non se identifican con Vigo”, explicaba aos participantes María Leboreiro, comisaria da exposición sobre o campus que a COAG organiza na Casa das Artes.

Percorrido polo campus

Estudantes, maiores e persoas de todas as idades compuxeron o primeiro grupo que visitou o campus. Acompañados por arquitectos e membros da COAG, os participantes coñeceron de primeira man as características dos edificios e a intencionalidade dos autores.
A ruta comezou pola Escola Técnica Superior de Minas. O arquitecto Gabriel Santos Zas, creador do proxecto, expuxo as circunstancias que marcaron o seu deseño, “como a complicada orografía e a necesidade de que o edificio actuara como unión das escolas de Industriais e Telecomunicacións”.
“Para os alumnos ten que ser como ir de excusión cada día”, expresaba unha das asistentes asombrada pola arquitectura do campus, ao tempo que unha estudante felicitaba a Santos Zas “pola súa funcionalidade e a axeitada adecuación ao entorno”.
Pola súa banda o arquitecto Xosé Rodríguez explicaba aos visitantes dende a cuberta da Biblioteca Central como “cada zona do campus está dedicada a un dos catro ámbitos do coñecemento”. Ao mesmo tempo que sinalaba a localización na que se están construíndo os diferentes módulos de CITEXVI. “A sociedade actualmente demanda I+D e sinerxia co mundo empresarial, polo que debemos situar estas instalacións no corazón do campus”.
Os visitantes continuaron ao longo da xornada achegándose ás diferentes instalacións do campus. A Cidade Universitaria, a Reitoría e a Facultade de Ciencias Xurídicas convertéronse nun museo no que os participantes coñeceron a arquitectura e os espazos nos que se desenvolve o principal labor docente e investigador na cidade de Vigo