Axudas propias

O Programa de accións estratéxicas para grupos de investigación (AEI-UVigo) consiste na apertura, unha vez recibida a autorización da Xerencia á proposta da vicerreitoría con competencias en investigación e transferencia, de aplicacións orzamentarias de gasto para a xestión económica das actividades de I+D+i dos grupos, institutos e centros de investigación da Universidade de Vigo.

A convocatoria ten como obxectivo facilitar a dispoñibilidade de recursos económicos continuados e estables para o desenvolvemento da actividade dos grupos de investigación, contribuíndo así a minimizar as interrupcións no financiamento ocasionadas por retrasos na resolución de convocatorias competitivas externas ou ás diversas circunstancias asociadas á formalización de actividades contratadas de I+D entre outros. Este financiamento proporcionarase na modalidade de anticipo, que será reintegrado polos grupos de investigación con cargo aos fondos externos captados ou outras fontes de financiamento ás que teñan acceso.

O obxectivo principal desta acción é facilitar o financiamento dos grupos de investigación de calidade da Universidade de Vigo e contribuír ao incremento da súa competitividade na captación de recursos externos de I+D+i. Este programa de axudas debe servir para que os grupos de investigación que estean en condicións de concorrer ás convocatorias autonómicas anuais para grupos de investigación sobresaíntes, e que non resulten adxudicatarios, poidan dispoñer dun financiamento estrutural que lles permita mellorar suficientemente a súa organización, estratexia e resultados, para ter éxito nunha próxima convocatoria. Polo tanto, a adxudicación destes contratos-programa debe estar ligada á resolución das mencionadas convocatorias autonómicas, e máis concretamente aos grupos que as solicitaran, resultasen ben valorados pero non conseguisen ser adxudicatarios.

Esta acción ten como obxectivo axudar aos grupos de investigación no mantemento da súa infraestrutura científica en funcionamento. Isto inclúe a reparación e posta a punto do equipamento (quedan loxicamente excluídos os gastos funxibles e a substitución daquelas partes do equipamento que teñan necesariamente que seren substituídas cada certo tempo).

A finalidade desta convocatoria é a concesión, en función da dispoñibilidade orzamentaria e en concorrencia competitiva, de subvencións para fomentar a consolidación das Empresas de Base Tecnolóxica (EBTs) da Universidade de Vigo de recente creación xurdidas en calquera ámbito de coñecemento, mediante o financiamento, nos termos previstos nesta convocatoria dos gastos que lles supoña a súa instalación nalgún dos seguintes espazos:

  • Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI)
    Rúa Fonte das Abelleiras, s/n
    As Lagoas, Marcosende
    36310 Vigo
  • Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI)
    Avda. de Galicia, 2
    Parque Tecnolóxico San Cibrao das Viñas
    32900 Ourense

Máis información



 
 

Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 597
vicinv@uvigo.gal