A artesá María Jesús Labrador imparte este curso de cestería no Ateneo
Un obradoiro ensina a facer paneiras e cestos con varas de vimbio
Non hai moitos anos materiais como o vimbio, a madeira e a palla de centeo eran ferramentas indispensables no mundo rural que se utilizaban para facer paneiras, cestos, envases para conservar os alimentos e ata mobles como armarios ou cadeiras. Mesmo había un profesional, o cesteiro, que ía de casa en casa reparando ou facendo novos aparellos de grande utilidade para a vida diaria e o traballo no campo. A fabricación de produtos en serie e o consumismo ao abeiro dunha sociedade máis moderna fixeron desaparecer todo aquel traballo artesanal para substituílo por obxectos como os de plástico, moito máis fáciles de facer e baratos para o consumidor. Con todo, aínda quedan persoas que traballan para recuperar e promover tradicións como a cestería e unha delas é María Jesús Labrador, que conta que se namorou deste labor artesanal cando viu a un home facendo un cesto na feira de Viveiro. Foi o comezo dunha paixón que a levou por diferentes cursos de aprendizaxe do oficio e na que iniciou tamén unha pescuda de persoas que lle ensinasen as diferentes técnicas que enumera con paixón: madeira, vimbio, colmo (con palla de centeo) e a técnica mixta, mestura de madeira e vimbio. Agora María Jesús transmite os seus coñecementos a oito alumnos e alumnas no transcurso dun obradoiro de cestería que se está a desenvolver no Ateneo baixo a organización da Vicerreitoría do campus.
“Cu redondo e tirar para arriba co vimbio”
O obradoiro consta de 30 horas lectivas, un tempo moi limitado que só lle permite á docente ensinarlle ao seu alumnado a técnica básica do vimbio. Segundo explica, o primeiro paso no procedemento “é cortar as varas na lúa minguante de xaneiro ou de febreiro e xa podes traballar con elas. Tamén hai a posibilidade de empozalas, é dicir, metelas en auga para que broten porque así é máis fácil sacarlles a pel”. Ante a pregunta de como se fai un cesto a súa explicación é ben sinxela. “O primeiro é facerlle o cu redondo e despois tirar para arriba co vimbio”, declara. Con todo, o traballo é moi dificultoso e require dunha boa dose de paciencia xa que hai que escoller oito varas de vimbio, “o cu das varas”, segundo matiza María Jesús, facer unha pequena perforación en cada unha delas, unilas formando unha base e empezar a tecer “como se fixeramos unha calceta, unha vara por arriba e outra por abaixo”.A mestra Ana Rodríguez, unha das alumnas do curso, explica ao tempo que se pelexa coa cesta para a roupa que está a facer que ademais de paciencia “cómpre moito cariño porque os vimbios son duros de roer e hai que domalos”, declara.
Aurora Carballeda é unha educadora que viaxa dende o Carballiño para asistir a este obradoiro de cestería ao que decidiu vir porque cre que lle vai ser de moita utilidade para aplicar despois os coñecementos adquiridos no seu traballo con nenos e nenas e persoas maiores. “Penso que é moi bo poder ensinarlle estas tradicións aos máis novos porque actividades así serven de enlace para buscar diálogos entre as diferentes xeracións”, declara. Á súa beira está Ana Rodríguez, unha mestra que non oculta o seu amor polo noso patrimonio cultural inmaterial que coñeceu de pequena na casa de seus avós.