Política Lingüística na UVigo

Archiving system

This content is currently not available in English

De acordo co establecido no Regulamento do Arquivo Universitario aprobado polo Consello de Goberno en sesión do 27 de xaneiro de 2005, o sistema arquivístico é a estrutura sobre a que se organiza o patrimonio documental da Universidade a través das etapas do ciclo de vida dos documentos, con diferentes regulacións para a súa organización, conservación, tratamento e difusión en cada unha das etapas.

O sistema arquivístico está constituído por todos os arquivos de xestión, o Arquivo Xeral e a Comisión Cualificadora de Documentos Administrativos:

 

Están constituídos polos fondos documentais existentes nos arquivos dos órganos de goberno, colexiados e unipersoais, departamentos, centros, unidades e servizos da Universidade, como consecuencia das funcións e actividades que lles son propias.

Os arquivos de xestión considéranse integrantes do sistema arquivístico na etapa inicial ou activa do ciclo de vida dos documentos.

Conservan todos os documentos recibidos ou xerados mentres dure a tramitación dos asuntos aos que fan referencia, e ao longo dun período que establecerá a Comisión Cualificadora de Documentos Administrativos.

É o responsable da custodia, xestión, conservación e difusión de todos os fondos documentais da Universidade que foron transferidos polos arquivos de xestión aos depósitos do Arquivo Xeral, finalizado o período de permanencia nestes.

En canto á xestión dos documentos, o Arquivo Xeral desempeña un dobre cometido, actuando como arquivo intermedio e como arquivo histórico.

Na súa función de arquivo intermedio integra aqueles documentos que se encontran nunha fase semiactiva, é dicir, a fase administrativa xa finalizou, pero os documentos aínda poden ser consultados esporadicamente. Mentres dure a súa permanencia nesta fase, aplicarase o expurgo e eliminación daquela documentación que, perdendo completamente o seu valor e a súa utilidade administrativos, non teña valor histórico que xustifique a súa conservación permanente.

Na súa función de arquivo histórico, o Arquivo Universitario conservará aquela documentación que debido, ao seu valor histórico, deba ser conservada permanentemente.

A Comisión Cualificadora de Documentos Administrativos da Universidade de Vigo é un órgano colexiado interdisciplinario. Ten como finalidade, de acordo co artigo 58 da Lei 16/1985 de 26 de xuño do Patrimonio Histórico Español, o estudo e resolución das cuestións relativas á cualificación e á utilización dos documentos da Universidade, así como a súa integración no Arquivo e o réxime de acceso e inutilidade administrativa.

Desempeña, ademais, as seguintes funcións:  

  1. Establecemento, baixo criterios administrativos, xurídicos e históricos, dos prazos de permanencia dos documentos administrativos en cada un dos diferentes tipos de arquivos de xestión, intermedio e histórico.
  2. Normalización do proceso de expurgo e eliminación de documentos, resolvendo a forma de disposición final, co fin de identificar e diferenciar aquelas tipoloxías que é preciso conservar para o futuro en atención aos valores informativos e de testemuño, os que son de obrigada conservación pola lei, daquelas que se poden destruír unha vez esgotado o seu valor administrativo.
  3. Determinación da accesibilidade e utilización dos documentos e series documentais.
  4. Cualificación de documentos esenciais, froito do desenvolvemento das funcións e actividades universitarias consideradas de singular relevancia  

 

Composición

  • O/a secretario/a xeral
  • Un/unha letrado/a do servizo de Asesoría Xurídica
  • Un/unha docente do departamento de Dereito Público
  • Un/unha docente do departamento de Historia, Arte e Xeografía
  • O/a xefe/a da sección de Arquivo
  • Un/unha axudante de arquivos, bibliotecas e museos