University Ombuds

Son funcións da Valedora Universitaria velar polo respecto dos dereitos e das liberdades de todos os membros da comunidade universitaria

O valedor universitario é o órgano especificamente encargado de velar polo respecto aos dereitos e ás liberdades dos membros da comunidade universitaria ante as actuacións dos diferentes órganos e dos servizos universitarios. As súas actuacións non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e virán rexidas polos principios de independencia e de autonomía. 

Julio Comesaña Costas, valedor universitario

Julio Costas Comesaña, valedor universitario

Licenciado en Dereito pola Universidade de Barcelona e doutor en Dereito da Competencia pola Universidade de Santiago de Compostela, Julio Costas Comesaña (Vigo, 1962) é profesor da Universidade de Vigo desde 1990. Catedrático de Dereito Mercantil desde 2008, foi director do Departamento de Dereito Privado, así como vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

Publicou máis dun centenar de traballos en revistas científicas e obras colectivas e conta con cinco sexenios de investigación e un de transferencia. Durante preto de oito anos, exerceu en servizos especiais como conselleiro da Comisión Nacional da Competencia, ao que se suma a súa traxectoria como membro permanente da sección primeira da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Cultura, que presidiu entre 2016 e 2019. Actualmente, forma parte do Xurado da Publicidade de Autocontrol, a asociación para a autorregulación da comunicación comercial.  

Calquera membro da comunidade universitaria que considere que se lesionaron os seus dereitos ou intereses lexítimos pola actuación dos órganos de goberno, autoridades académicas ou servizos administrativos da Universidade de Vigo, poderá acudir ao valedor universitario e solicitar a súa intervención unha vez que se esgotaron as instancias universitarias previstas na lexislación vixente.

O valedor universitario poderá actuar de oficio cando teña coñecemento dun asunto no que concorran as circunstancias do apartado anterior.

Requisitos para a presentación de queixas ou de reclamacións

Antes de acudir ao valedor universitario é necesario ter esgotado as instancias universitarias previstas na lexislación vixente.

1. Forma de presentación

As queixas ou as reclamacións deberán presentarse por escrito e dirixirse ao valedor universitario utilizando os modelos de instancia dispoñibles máis abaixo.

​​​​​2. Contido

As queixas ou as reclamacións poderán ser tanto individuais como colectivas pero, en todo caso, cumprirá a identificación da persoa ou persoas reclamante e a súa sinatura. Deberán incluírse os datos persoais, o sector ao que pertence e o seu domicilio para os efectos de notificación. 

​​​​​Nas queixas ou nas reclamacións deberán concretarse con suficiente claridade:

  • Os feitos que orixinan a queixa
  • O motivo e o alcance da pretensión exposta
  • As xestións realizadas previamente ante a administración universitaria
  • A petición dirixida ao valedor universitario

Xunto coa queixa ou coa reclamación deberá presentarse a documentación necesaria para facilitar a súa tramitación.

3. Lugar de presentación

As queixas ou as reclamacións presentaranse na sede electrónica da Universidade de Vigo ou en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro da institución.

4. Prazo de presentación

As queixas ou as reclamacións presentaranse no prazo máximo dun mes desde que se esgotaron as instancias universitarias previstas na lexislación vixente.

Admisión das queixas ou reclamacións

Unha vez recibida a queixa ou a reclamación, nun prazo máximo de 15 días, a valedora universitaria xustificará o seu recibimento e emitirá unha contestación motivada respecto de se procede ou non a súa admisión a trámite. No caso da non admisión a trámite, comunicaráselles ás persoas interesadas a motivación que a fundamentou. O anterior non impedirá, non obstante, a investigación sobre os problemas xerais suscitados por estas queixas.

Rexeitaranse as queixas ou as reclamacións:

  • Anónimas
  • Sometidas a instancias xudiciais
  • Pendentes da resolución dun expediente disciplinario ou dun recurso administrativo interposto previamente
  • Que non esgotasen as instancias previstas na normativa aplicable

O rexeitamento dunha queixa ou dunha reclamación non impedirá a súa eventual posterior presentación, de resultar procedente, segundo as circunstancias do caso concreto.​​

Os membros da comunidade universitaria involucrados nunha controversia poderán acudir ao valedor universitario instando a súa mediación para os efectos de solucionar o conflito dunha forma consensuada.

Forma de presentación

A petición de mediación realizarase mediante un escrito dirixido á valedora universitaria utilizando os modelos de instancia dispoñibles máis abaixo.

Lugar de presentación

As solicitudes de mediación presentaranse na sede electrónica da Universidade de Vigo ou en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro da institución.

Contido

No escrito constará con claridade o motivo e o alcance da pretensión que se formula, os datos persoais das persoas solicitantes e o sector ao que pertencen. A petición de mediación poderá presentarse por todas as partes implicadas no conflito ou unilateralmente por unha delas.

Procedemento

A petición trasladarase á outra parte para que, no prazo de 15 días, consinta participar no procedemento de mediación. A falta de contestación entenderase como un rexeitamento a esta.

O procedemento de mediación pode concluír en acordo ou finalizar sen alcanzar unha avinza, ben sexa porque todas ou algunha das partes exerzan o seu dereito a dar por terminadas as actuacións, comunicándollo á valedora, ou ben cando se aprecie de maneira xustificada que as posicións das partes son irreconciliables ou concorra outra causa que determine a súa conclusión.

Ponencias do defensor/a universitario 

Convenios

Máis información:

Edificio Filomena Dato, 2º andar
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 830
secvaledora@uvigo.gal